Un total de 33 locais de hostelería de Sanxenxo resultaron beneficiados entre os 11 millóns de euros que a Xunta destina á mellora de equipamentos exteriores nos establecementos de toda a comunidade. En concreto, a Administración autonómica deixou no municipio 350.000 euros, tal e como explicou o alcalde, Telmo Martín, que este xoves, durante a visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial, Luís López, salientou a importancia desta achega para un municipio que "vive do turismo, e as cousas cambiaron moito". Segundo valorou Martín, "afortunadamente o verán pasado foi mellor do agardado" polo que, para a vindeira tempada estival depositou as esperanzas na apertura de Galicia "ao mundo enteiro, pero tamén ao resto de España e Portugal, que é o que máis nos interesa. Creo que este será un bo verán", aventurou o alcalde.
Neste sentido, asegurou que, dende o Concello, "estamos traballando para que as persoas que veñan se sintan como na casa dentro dun restaurante. Sanxenxo está na boa dirección e sen a axuda da Xunta sería imposible", asegurou.
A achega realizada pola Xunta para os locais de hostelería permitirá, tal e como explicou o vicepresidente autonómico, "adecuarse aos novos tempos, con outro xeito de gozar do ocio e da hostelería que ten máis que ver con espazos abertos, cando se poida, e con separacións". Os locais destinarán as respectivas contías á mellora das terrazas, que "agora van ter moito máis uso e precisaban modernizarse a nivel de mobiliario e estrutura", explicou Rueda.
Tal e como detallou o vicepresidente, as contías "xa están concedidas" e "a maioría" delas "ingresadas, e as demais irán nos próximos días". Neste sentido, o sanxenxino restaurante Carmen, que recibiu a visita dos representantes das administracións, xa ten comprometidos os máis de 6.000 euros que lle corresponden para a renovación do mobiliario da terraza, tal e como explicou o propietario, José Ramón Varela, que salientou a "necesidade de axudas" para o sector, "sobre todo polo castigo que tivemos durante a pandemia. Estamos agradecidos á Xunta e ao Concello e valoramos de xeito positivo estas achegas para poder sobrevivir no futuro inmediato", dixo.
Pola súa banda, Rueda agarda "chegar a eses meses de verán que aquí son tan importantes cunha situación que se non é completamente normal, se pareza moito".