O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este xoves a Praza de Abastos de Vilagarcía, onde a administración autonómica investirá máis de 70.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos.
Na comarca do Salnés, a Xunta leva invertidos preto de 120.000 euros que están a permitir mellorar o funcionamento e as infraestruturas dos mercados de excelencia.
A achega divídese en dúas anualidades, sendo que para este 2023 están destinados máis de 53.000 euros que xa permitiron realizar varias obras no edificio. Entre elas, a colocación e selado de todos os cristais da fachada norte e sur. Ademais, realizáronse traballos de pintado e colocación de canlóns e reparáronse os cuartos de baño.
Cabe destacar que esta axuda permitiu tamén ofrecer formación ás praceiras para que melloren o seu proceso de venda e que conten con nocións básicas de márketing visual e colocación de produtos.
O delegado territorial louvou as melloras levadas a cabo na Praza de Abastos e sinalou o "bo aproveitamento da achega" coa que se conseguiu solucionar varias carencias que tiña o edificio e que agora será "moito máis confortable para os traballadores e traballadoras e atractivo para os seus clientes".
Reguera tamén quixo felicitar ás praceiras pola súa paciencia durante o período de obras e pola súa participación nas accións formativas: "Sabemos que cada vez é máis difícil atraer xente ás prazas. Por iso estas axudas son tan importantes, porque máis alá de mellorar o voso espazo de traballo, permítenvos aprender as ferramentas necesarias para adaptar este oficio aos novos tempos".
FORMACIÓN. Trinta vendedores da Praza de Abastos de Vilagarcía participaron nas dúas accións formativas ofertadas pola Concellería de Promoción Económica co obxectivo de continuar avanzando nas estratexias de calidade do mercado público.