A Xunta subliña en Cortegada o papel de MeteoGalicia como "referente" científico no Estado

A conselleira de Medio Ambiente visita a plataforma oceanográfica instalada ao carón da illa, única na comunidade galega
undefined
photo_camera Representantes da Xunta de Galicia durante o desembarco na plataforma oceanográfica. CEDIDA

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este luns a plataforma oceanográfica instalada xunto á illa de Cortegada co gallo do Día meteorolóxico mundial, e destacou o labor "fundamental" realizado por MeteoGalicia dende a súa posta en Marcha no ano 2000. A partir dese momento, e co paso do tempo, a estación chegou a converterse "en todo un referente" meteorolóxico e científico tanto a nivel autonómico como estatal.

A plataforma de Cortegada é a única destas características que existe en Galicia. E non só iso: Vázquez Mejuto lembrou que, a día de hoxe, só hai tres comunidades que contan cun servizo de información meteorolóxica propio: Galicia, Cataluña e País Vasco. Neste sentido, a estación foi unha aposta realizada pola Xunta hai xa 20 anos e que hoxe segue a ter "o seu mellor aval nun grande equipo de profesionais e nas infraestruturas máis punteiras", valorou a conselleira.

Vázquez lembrou que a rede de observación meteorolóxica galega en terra dispón na actualidade de 157 estacións de rexistro e un total de 1.104 sensores repartidos por todo o territorio, grazas aos cales MeteoGalicia pode obter todo tipo de parámetros, medidos cada 10 minutos e accesibles para o conxunto da cidadanía a través da súa páxina web.

Tras subliñar que o Día meteorolóxico mundial, que se celebra este martes, ten este ano como lema O océano, o noso clima e o tempo, a conselleira referiuse tamén ao importante papel que ten a plataforma de Cortegada, durante a súa visita xunto a varios altos cargos da Consellería do Mar: a directora xeral da Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez e técnicos de MeteoGalicia.

Segundo explicou a conselleira, a plataforma de Cortegada é unha infraestrutura "única", instalada no ano 2007, que permite instalar sistemas de medida de variables tanto meteorolóxicas como oceánicas, neste último caso, a diferentes profundidades. Ademais, lembrou que a plataforma intégrase na rede oceanográfica da Xunta, integrada, á súa vez, por cinco boias localizadas en Muros, Ribeira, A Guarda, Rande (Vigo) e Illas Cíes.

Pola súa banda, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, salientou a transcendencia de contar cunha ferramenta "útil" de observación da dinámica meteorolóxica costeira como é o Observatorio Costeiro galego, unha rede de estacións de observación na que colaboran a Consellería do Mar, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de MeteoGalicia.

Subliñou tamén o compromiso da Xunta coa protección e a conservación dos mares para que Galicia e o seu sector marítimo-pesqueiro sexan "referentes na loita contra o cambio climático" e incidiu en que, neste eido, a Consellería do Mar xa desenvolveu proxectos como Climathon ou o Climefish".

Cambio climático | Unha estratexia europea conxunta 
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, lembrou durante a visita á plataforma ubicada nas inmediacións de Cortegada que a Comisión Europea traballa nunha estratexia conxunta de adaptación ao cambio climático na que se inclúen tanto a pesca como a acuicultura, na liña tamén marcada en clave autonómica pola Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, aprobada pola Xunta a finais do ano 2019. 

A este respecto, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de conmemorar o Día meteorolóxico mundial para "crear conciencia sobre o papel clave que a meteoroloxía e a hidroloxía teñen para garantir o equilibrio entre a acción humana e a conservación do planeta" e "contribuír á busca dunha solución global".

Comentarios