jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

O NOVO MANDATO... EN SANXENXO

"O pacto co PP foi unha mala aposta, pero conseguimos o que queriamos por parte da Xunta"

Yago Torres na Praza Pública de Vilalonga, que pasou a ser de titularidade pública recentemente. GONZALO GARCÍA
Yago Torres na Praza Pública de Vilalonga, que pasou a ser de titularidade pública recentemente. GONZALO GARCÍA
SAL "non ten cor política". Así define o actual voceiro, Yago Torres, ao partido sanxenxino no que, segundo indica, agora mesmo "estase dando unha rexeneración moi importante" despois dun pacto de Goberno sen precedentes. Torres analiza as cuestións que marcaron a súa traxectoria política, que agora concentra no rural

O novo voceiro de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), apenas leva dous meses no cargo, un posto co que non contaba, a pesar de formar parte partido dende o ano 2015. O 27 de xaneiro tócalle recoller a acta e asegura que, dende o seu papel na oposición, seguirá "traballando polos máis de 17.000 veciños de Sanxenxo, non só polos 700 votos" que obtivo o grupo nas pasadas eleccións.

Dende as súas vivencias dentro do partido, como é pasar de estar no Goberno á oposición?
Estou satisfeito porque grazas a SAL cambiaron moitas cousas que pasaron neste concello. Tanto é así que as contas están saneadas e esas obras que se levaban 20 anos prometendo en campaña están executadas ou en proceso. SAL formouse para traballar polos veciños e iso é o que imos seguir facendo dende a oposición.

"Os actuais concelleiros non van polas parroquias nin falan coa xente. Entran ás nove no Concello e saen ás dúas, e alí acabouse"

Aínda hoxe SAL continúa a arrastrar certa polémica como resultado do pacto de Goberno co PP no anterior mandato...
Temos a sorte de ser un partido independente e non temos cor política. Se no seu momento fixemos un cuatripartito foi porque criamos que era o mellor para Sanxenxo, e se logo pactamos co PP foi pensando en cumprir o noso programa. Danos igual se a cor é vermella, azul, laranxa... Se vemos que na Xunta, por exemplo, ten mais forza a esquerda, e imos sacar máis beneficio para Sanxenxo, pactamos segundo lles conveña aos veciños. E iso é algo que a xente non entendeu, pero nós cremos que non hai que encerrarse nun lado.

Cre que foi boa idea?
Nós non pactamos con Telmo Martín, senon co PP. Con Rueda e con Tourís. Todo o que pactamos e que viña derivado da Xunta botouse a andar, coma a PO-308 ou o colexio de Vilalonga. O que tiña que ver con fondos municipais, como a Cultural de Vilalonga, o campo de festas de Bordóns ou a Casa da Cultura de Goldar, non se fixo. Tumbáronse todos os temas municipais que entraban no pacto, o que quere dicir que Telmo enganounos. Temos que darnos conta de que foi unha mala aposta que fixemos. Nese momento conseguimos o que queriamos por parte da Xunta, aínda que tivemos un gran custo político a raíz diso.

"Tumbáronse todos os temas municipais do pacto, como a Cultural de Vilalonga ou o campo de festas de Bordóns. Telmo enganounos"

Levantará a cabeza o partido despois disto?
En SAL estase dando unha rexeneración moi importante. Temos xente que está con nós dende o primeiro día, xente que fundou o partido, aínda que xa non esté en primeira liña. Tamén volvemos ter xente xoven, que entendeu que o que fixemos non foi pensando en política. Pouco a pouco imos conseguir un SAL forte e unido, porque temos unha boa base.

Sempre afirmaron ser un partido "para os veciños de Sanxenxo". Que precisan no inmediato?
Non todos os habitantes viven en Sanxenxo ou en Portonovo. O rural está moi abandonado e nós imos traballar por el. Temos un representante en cada parroquia para os veciños. Para nós iso é mirar polo rural, é o momento. O Goberno leva sete meses e non tivo nin unha soa iniciativa nova. Vemos que os concelleiros parecen obreiros do Concello, que non van polas parroquias nin falan coa xente. Parece que lle escapan por medo a que lles pidan cousas. Entran ás nove no Concello e saen ás dúas, e alí acabouse. Son concelleiros de nove a dúas.

"O pacto co PP foi unha mala aposta, pero conseguimos o que...
Comentarios