''Aínda que hai supersticións en todas partes, aquí temos marcadas a lume moitas cousas''

Anxos Riveiro sentada nunha cadeira no Salón do Libro. david freire
photo_camera Anxos Riveiro sentada nunha cadeira no Salón do Libro. david freire

É o primeiro Salón do Libro que afronta Anxos Riveiro, pero xa está a argallar novas ideas para unha vindeira edición. A concelleira de Cultura, que non quere desvelar ningunha das sorpresas do ano que vén, recoñece que gran parte do éxito da cita coa literatura -aberta de luns a domingo no Pazo da Cultura ata o 31 de marzo- se debe á implicación do público, e, en especial, dos centros de ensino.

Oito mil visitantes na primeira semana do salón e preto de doce mil pasado o seu ecuador, pódese dicir que é un éxito?

Si, son moi boas cifras de participación; e similares ás do ano pasado. Aquí a nosa maior dúbida era sobre como ía ser a implicación dos centros de ensino. Pero ao final foi tan boa que ata tivemos que rexeitar peticións dalgúns nas actividades de mañá. A verdade é que dende a organización estamos moi contentos.

Cantas persoas a compoñen?

Bueno, isto é un traballo colectivo e aínda que o núcleo da organización non é excesivamente grande, dunhas quince persoas contando aos monitores, tamén temos que dicir que son moitos os que achegan algo, con actuacións, instalacións...

Foi precisamente o éxito de público o que levou o ano pasado a prorrogar o Salón, pensouse nalgo así para esta edición?

No momento en que se empezou a traballar no actual Salón do Libro, xa o ano pasado, xa se tomou a decisión de que tivera lugar no mes completo de marzo e non máis tempo coa finalidade de concentrar o maior número posible de actividades. Aínda que o Salón estea xa montado e teña a súa importancia a nivel estético, o que queremos é dotalo de contido.

É a súa primeira vez á fronte do Salón, cun listón ben alto legado polos seus predecesores na Concellería de Cultura...

O certo é que eu vía que o Salón leváballes moito tempo aos compañeiros que me precederon. Agora estouno descubrindo e paréceme un mundo moi fermoso, o que fai que xa esteas a pensar en cousas para o vindeiro ano e en non repetir certos erros.

Esta edición, adicada ás supersticións, non tería sido o mesmo de non atoparnos en Galicia...

Aínda que hai supersticións por tódolos lados, aquí en Galicia o rural está moi presente e temos moi recentes e marcadas a lume moitas cousas. As supersticións eran as que guiaban certos comportamentos. Os mestres, por exemplo, quedaron encantados coa temática, e iso que ao principio tiñan certas reticencias e moitos deles víana complicada.

(Máis información na nosa edición impresa do martes, 20 de marzo)

Comentarios