Alumnos e mestres péchanse na Escola de Restauración para pedir os estudos de grao

Alumnos da Escola preparando onte as camas provisionais para pasar a noite. alba sotelo
photo_camera Alumnos da Escola preparando onte as camas provisionais para pasar a noite. alba sotelo

PONTEVEDRA. Equipados con sacos de durmir e provisións para pasar toda unha noite, un nutrido grupo de alumnos e mestres da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Pontevedra, pechouse onte no interior das instalacións.

A medida foi aprobada «por maioría» nunha asemblea de estudantes e nun claustro de profesores ante a «calada do conselleiro de Educación», Jesús Vázquez, ao que remitiron unha carta o pasado venres tras unha petición de reu- nión fallida. O motor da protesta volve ser a súa reclamación de adscribir o centro á Universidade, a única vía que semella garantir a obtención dun título de grao.

Os preto de 90 alumnos da Escola séntense «estafados, defraudados» e máis que motivados para alzarse en pé de guerra. Os cambios acaecidos farán que o grao que agardaban obter ao remate da titulación quede nun título de escola superior, un cambio que vai máis alá da nomenclatura. Este diploma non está recoñecido polo Espazo Europeo de Educación Superior e, por conseguinte, polos países de Europa.

Os prexuízos multiplícanse cando se teñen en conta os efectos da non adscrición. Segundo os afectados, ao non pertencer á Universidade o centro non pode ofrecer estudos de doutorado, o alumnado non ten acceso ao mesmo número de bolsas e outros dereitos dos estudantes universitarios, e os mestres non poden superar a categoría de ensinanza media, algo que imposibilita a investigación.

Ademais, os estudantes entenden que o rexeitamento ás súas reclamacións agudiza o sentir común de que a formación en conservación e restauración «está pouco recoñecida».

«Temos un plan completo de catro anos, pero lonxe de acadar as vantaxes que teñen os universitarios. Sentimos que non se entende a nosa titulación, polo que reclamamos unha resposta e unha solución inmediata», denunciou onte Diego Iglesias, estudante de terceiro.

O peche irá acompañado de manifestacións diarias que se celebrarán a partir de hoxe no contorno da Alameda ás 11.00 da mañá. Á parte, o vindeiro luns celebraranse novas reunións nas que, salvo xiro inesperado, aprobarase a dimisión en banda dos membros que integran o consello escolar e o equipo directivo.

Mestres e alumnos están dispostos a ir ata ao final. Tanto é así que mesmo barallan presentar «un pleito colectivo» contra a norma e as decisións políticas que impiden adherirse á Universidade de Vigo. «Vemos que as mobilizacións non dan os froitos que queremos, polo que cada vez temos esa opción máis clara», engadiu Iglesias.

Director

O apoio do equipo directivo ás reclamacións estundantís é total e incondicional, incluído o director da Escola, Fernando Carrera, que secunda as medidas de presión en todas as vertentes. «Como docente, porque nos supone una serie de perjuicios, y como director, porque me solidarizo con la comunidad escolar. Los alumnos se matricularon en una titulación de grado y de repente le llaman título superior. Entienten que es un incumplimiento de contrato y yo estoy con ellos, no se puede permitir que a mitad de la carrera se cambien las reglas del juego».

En principio, tanto as manifestacións coma o peche manteranse ata o día 30 e compatibilizaranse coas clases. Estas seguirán o curso normal, aínda que se prevén sesións atípicas «diante das ruínas de Santo Domingo ou as portas do Concello». A Xunta terá que mover ficha agora, se ben responsables da Consellería de Educación insistiron onte en que «xa houbo reunións e díxose aos alumnos que a nova lei (Lomce) equipará o título ao grao».

Comentarios