Cañita Brava será o encargado de dar o pregón no Entroido de Verán

Cañita Brava.
photo_camera Cañita Brava.

O coñecido personaxe de televisión Cañita Brava será o encargado de dar o pregón de apertura do Entroido de Verán de Pontevedra. O acto terá lugar o próximo sábado 5, ás 22.30 horas, no balcón da Casa da Luz.

O coruñés será presentado pola concelleira de Turismo, Carlota Román, que estará acompañada polos hostaleiros locais, os impulsores desta cita coa diversión.

Durante a lectura do pregón tamén estarán presentes o papagaio Ravachol e Furcinho, o camaleón brasileiro que apadriña o Entroido de Verán e que demorará a súa chegada ata o último momento porque está a gozar do Mundial de Fútbol.

Cañita foi escollido para dar o pregón por ser un dos personaxes «máis mediáticos, pola súa singularidade, sentido do humor e fama a nivel internacional».

Programación

O Entroido de Verán de Pontevedra chega este sábado cun amplo programa de animación.

O evento fíxose coincidir coa fin de semana programada para a feira turística do Eixo Atlántico, Expocidades, co obxectivo de aproveitar ao máximo a presenza de público na cidade.

O Entroido ten como eixe temático o histórico Baile do Pino, que funcionaba en Pontevedra desde as décadas de 1940 e 1950, e que formaba unha parte moi atractiva da oferta lúdica da cidade de mediados do século XX. Por esta razón, anímase a todos os pontevedreses a caracterizarse axeitadamente como unha homenaxe a aqueles mozos, hoxe xa entrados en anos.

A elección deste tema quere demostrar que a actividade está dirixida a público de todas as idades, especialmente a todos aqueles que durante as décadas dos anos 40 e 50 gozaron do famoso Baile do Pino.

O programa do Entroido comezará ás 19.00 horas na Praza da Peregirna co obradoiro de máscaras e maquillaxe para nenos a cargo de ‘Risotadas’. Ao mesmo tempo, o equipo de ‘105 besos’ ocuparase da animación, xogos e contacontos para que os máis pequenos gozen plenamente da festa.

A partir das 21.30 horas comeza o ‘Tabernódromo’ na Praza da Verdura, cunha gran festa de animación onde todos os cidadáns poderán lucir os seus disfraces escollidos para esta orixinal celebración de verán, que vai pola súa segunda edición.

Xa para rematar, ás 22.00 horas, a comitiva de charangas dará comezo ao seu percorrido, no que animarán todos os recunchos do Centro Histórico da cidade.

Esta ruta de charangas, na que participan más de 200 persoas, partirá da Praza da Verdura para continuar cara a Praza de Méndez Núñez, Praza de Celso García de la Riega, Praza das Cinco Rúas, Teatro Principal, Rúa Manuel Quiroga, Praza de Curros Enríquez, Praza da Ferrería e, finalmente, Praza da Leña, para acabar de novo no seu punto de comezo, a Praza da Verdura.

Comentarios