''Con esta pinga de baixas no BNG non sei que pasará e se se demandará unha alternativa''

Na súa semana case de paixón, anunciando a súa marcha do Parlamento galego deixando o seu escano libre, Teresa Táboas (Cidade de México 1961) enfermou. Ademáis, cunha gripe violenta que a deixou na cama da súa casa de Pontevedra uns días. Os seus problemas de voz agrávanse coa enfermidade e pide poder respostar a un cuestionario. Logo, sen embargo, aclara algunhas das súas respostas. Táboas entrou na política como revelación en 2005 e dirixiu catro anos a Consellería de Vivenda (''Penseino: é un cambio total. A miña vida ía arredor do meu traballo de arquitecta'', dixo entón). A súa saída do Parlamento parece preceder á do BNG, mais ela cita a Chaplin. Nos últimos días recibiu moitas chamadas que a felicitaban pola valentía dunha decisión difícil: deixar a posición privilexiada do Parlamento como deputada. No tempo turbulento ao que se asoma o nacionalismo galego trala asemblea de Amio Táboas parece ter moito que dicir, mais de momento só emite sinais e pide tempo.

É a política unha droga tan dura como se ve desde fóra? Vostede, ao contrario de moitos, non vendeu ‘cara’ a cadeira.

Depende como entendas a política Se é como un servizo para transformar a sociedade pode ser estimulante pero se é para serverte dela convértese nun estupefaciente. E no referido ao escano, é da xente que votou a unha lista, polo tanto multipropiedade, non era meu para vendelo.

Hai marxe para volver ou a súa saída do Bloque Nacionalista Galego é cuestión de tempo?

Como dicía Charles Chaplin, o tempo é o mellor autor: sempre atopa un final perfecto.

Sae Esquerda Nacionalista e abre a porta de saída a moitos máis grupos. Falta tempo para as eleccións e o BNG pasa unha situación delicada. Cando van saber vostedes se a sociedade, como di, esixe ou non unha alternativa?

Por iso che digo, que se hai demanda haberá que ver que se fai. Hai moitos ruxe-ruxe. Dalgunha maneira os que estamos no BNG, nun momento dado, vendo esta pinga continua de xente que se está dando de baixa no partido, non sei que pasara con nós, e se se demandará un novo espazo.

(Entrevista completa na nosa edición impresa do 12 de febreiro).

Comentarios