Vivenda tramitará ante o Goberno central a renda de emancipación dos xoves pontevedreses

A Consellería de Vivenda e Solo tramita desde onte a axuda estatal para o aluguer, coñecida como renda de emancipación, dirixida a mozos de entre 22 e 30 anos cuns ingresos brutos de ata 22.000 euros anuais.
A subvención, cunha contía de 210 euros mensuais durante un período máximo de catro anos, pode solicitarse e tramitarse en calquera das sete oficinas do Programa de Vivenda en Aluguer que o gabinete que dirixe Teresa Táboas ten nas sete grandes cidades. No caso de Pontevedra, esta oficina está emprazada, aínda que de xeito provisional, nas dependencias da Delegación Provincial de Vivenda (Alcalde Hevia, 7). Fontes da Consellería sinalaron onte que está previsto, a curto prazo, habilitar un local independente na cidade do Lérez para tramitar todas as subvencións relacionadas co aluguer.
Vivenda é a encargada de tramitar as solicitudes, comprobar a documentación presentada, aprobar as concesións das axudas e remitir as resolucións ó Ministerio de Vivienda, que é o que efectúa os pagos aos beneficiarios. O solicitante debe presentar unha fotocopia do DNI, o contrato de arrendamento, contrato laboral en vigor ou vida laboral, declaración da renda se é traballador autónomo e un número de conta bancaria.

Comentarios