A Fundación Bóveda solicita ao Parlamento o recoñecemento do labor do galeguista

PONTEVEDRA. A Fundación Alexandre Bóveda deu a coñecer no marco da presentación dos actos polo día da Galicia Mártir unha petición que realizará ao Parlamento para solicitar que, como explicou o responsable comarcal de Galiza Nova, Ernesto Vázquez, "a figura de Alexandre Bóveda non teña só recoñecementos locais, senón que a nivel das institucións autonómicas se recupere a súa traxectoria sociocultural e política". Os cidadáns que o desexen poderán sumar o seu apoio colectivo ou individual unha vez a solicitude esté no Parlamento.

Os actos do día da Galicia Mártir, que recordan a vida e obra do galeguista represaliado no alzamento militar de 1936, Alexándre Bóveda, terán lugar este ano o 17 de agosto, como é xa costume, nos concellos de Poio e Pontevedra. A primeira conmemoración institucional será ás 13.00 horas na Caeira (Poio), diante do monumento a Alexandre Bóveda.

O xantar trasladarase dende o Pazo da Cultura, onde se viña realizando ata o de agora, ao Pazo da Caeira por que, como explica o secretario da Fundación Alexandre Bóveda e neto do homenaxeado, Valentín García Bóveda, "deste xeito mantemos a conexión que Alexandre tivo con Poio".

Os recoñecementos cívicos, non obstante, terán lugar en Pontevedra, e consistirán nunha misa na capela de San Amaro, un acto civil no mesmo recinto e un acto político na praza de Curros Enríquez.

A liturxia comezará ás 18.30 horas e a continuación, diante do sartego da familia Bóveda, dará inicio a homenaxe civil, onde falarán o escritor Rodrigo Cota e o director do equipo de investigación 'Nomes e Voces', que recibe o oitavo premio da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria. O evento político na honra do galeguista terá lugar ás oito da tarde na praza de Curros Enríquez e nel estarán presentes os representantes do Bloque Nacionalista Galego, entre eles o seu portavoz nacional, Xavier Vence. Pese a estar oficialmente de vacacións, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Lores, tamén do grupo nacionalista, asistirá a este acto.

Comentarios