A gardería da Parda rexistra temperaturas de ata 38 graos

PONTEVEDRA. Tan pronto como foi constituída onte por orde do alcalde, a primeira Xunta de Goberno que se celebra no presente mandato acordou contratar pola vía de emerxencia un sistema de aire acondicionado para a gardería da Parda. Os 115 nenos, de entre 0 e 3 anos, que están matriculados neste centro sofren dende hai días temperaturas insoportables, que chegan ata os 38 graos no interior das instalacións e «que están xerando problemas de saúde», explicou onte o rexedor, Miguel Anxo Fenández Lores.

A gardería foi a primeira que construíu o Concello cun orzamento de 1,4 millóns de euros, dos que o Goberno local aportou 806.500 euros e a Xunta de Galicia os 608.000 restantes.

A súa construción non foi un proceso doado. A obra saíu a contratación en decembro do 2007, pero o concurso quedou deserto. Despois, adxudicouse en xuño do 2008, só que o plazo de execución de seis meses dilatouse case dous anos pola mala sedimentación do terreo, que obligou a modificar en varias ocasións o proxecto. Este foi deseñado polo arquitecto José Ramón Garitonaindía, o mesmo que creou en papel o paseo marítimo da avenida de Marín, cun novedoso sistema de climatización. Porén, semella que as temperaturas que se concentran dentro dos enormes ventanais que circundean o centro son máis altas do que se agardaban. Por miúda que sexa a roupa dos cativos, os 38 graos son difíciles de combinar coa actividade lúdica, inclusive para as coidadoras do centro.

Comentarios