Atraído pola súa labor de investigación e produción, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este mércores as instalacións da empresa pontevedresa Hifas da Terra, que acaba de obter o Premio de excelencia a la Innovación para mulleres rurais que outorga o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño.
Acompañado polo concelleiro Demetrio Gómez, delegado da parroquia de Bora onde se sitúan as instalacións da firma, o rexedor coñeceu de preto a evolución e os eidos nos que traballa Hifas da Terra, que vén de abrir o seu novo Centro de Interpretación a toda a cidadanía.
Así, obtivo información de primeira man sobre o progreso do plan empresarial, que empezou en 1999 coa idea de poñer á venta kits de produción de setas ecolóxicas, pero que rapidamente abriu novos horizontes. Entre estes, apostou pola selección das mellores cepas e fungos do mundo para cultivalos en Pontevedra, nun microclima único como é o das Rías Baixas.
Posteriormente, engadiu á súa oferta o encapsulado dos fungos máis beneficiosos para a saúde e, máis recientemente, unha especie de castiñeiro híbrido (resultante da mezcla da raza galega e xaponesa), que é resistente á enfermidade da tinta e que, ademais, dá unha gran producción de madeira e boa castaña, a marrón glacé.
O cultivo de setas de alto valor culinario tamén é outro ámbito no que Hifas da Terra é punteira a nivel mundial. Non en van, Lores destacou que é ''a grande descoñecida das empresas de Pontevedra'' e que ten ''un gran futuro, tanto na produción de riqueza como na creación de postos de traballo''. ''É convinte que se saiba que en Pontevedra hai investigadores que traballan para poñer en valor o monte nun momento no que as políticas autonómicas non están indo por este camiño'', concluíu o alcalde.