Test persoal

Luís Rei: "O modelo de cidade é un slogan propagandístico que non responde á realidade"

O candidato á alcaldía por Marea Pontevedra asegura que é a única forza de esquerdas que se presenta ás eleccións do 24M e que o bipartito BNG-PSOE deixou ós veciños de Pontevedra "como gatos escaldados"
O escritor e candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei, onte, na biblioteca da súa casa
photo_camera O escritor e candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei, onte, na biblioteca da súa casa

"Estou como peixe fóra da auga", recoñece o escritor Luís Rei (A Coruña, 1958). O candidato á Alcaldía da capital das Rías Baixas por Marea Pontevedra trata de "sobrevivir" á boráxine da campaña electoral. "É unha novidade para unha persoa coma min, que está máis afeita á soidade e ó silencio que ó ruído" apunta o alcaldable, o único dos oito aspirantes a dirixir a Corporación pontevedresa que non ten WhatsApp. "Son o anticandidato", ironiza.

É esta unha campaña máis ruidosa que de contido?
Creo que non. Houbo campañas nas que predominou máis o barullo. O que si boto en falta é que se celebrase un debate entre os candidatos para que os cidadáns tivesen oportunidade de contrastar os seus programas e tamén a súa idea do futuro da cidade. Creo que hai un candidato que opta máis por viaxar e outros que optan por ocultarse detrás dos primos de Zumosol: Rajoy e Mosquera.

Falta menos dunha semana para as eleccións e Marea naufraga en moitas enquisas...
Non. Saíron enquisas nas que nos dan presenza no Concello. A metodoloxía das enquisas non nos favorece, porque as consultas se fan a teléfonos fixos. E nós temos un electorado máis dinámico e máis difícil de localizar nos fixos.

No caso de que logren esa representación e que Marea poida ser chave de Goberno, con quen pactaría?
Nós pactamos cos cidadáns. No cuarto aniversario do 15M convocamos unha consulta popular na que os veciños de Pontevedra nos sinalaron as súas prioridades entre once temas. E escolleron os cinco piares polos que debe guiarse o novo Concello: un plan de emerxencia social, auditoría das contas do Concello, orzamentos participativos, unha rede de transporte público e a xestión directa e pública da auga e do lixo. Estes temas serán a nosa folla de ruta.

Dá a sensación de que esta votación é redundante, xa que o programa de Marea definírase xa de forma democrática...
En Pontevedra somos gatos escaldados. O chamado pomposamente ‘acordo para un Goberno de coalición’ que hai catro anos asinaron BNG e PSOE non nos vale porque non resolveu ningún dos temas importantes da cidade.

Moitos identifican Ciudadanos como a versión progresista do PP e Marea Pontevedra como unha reactualización do BNG e do PSOE. Que é Marea?
En Pontevedra haberá oito papeletas o domingo: varias de dereitas e outras de centro. Marea é a única que estará na parte esquerda do taboleiro.

Entón o Bloque e o PSOE que son?
Un partido que gobernou os últimos 16 anos nunha cidade e ten privatizados todos os servizos, como é o do lixo, auga ou guindastre, e que só destina 48 euros por habitante a gasto social nunha cidade onde a poboación en risco de exclusión suma 17.000 persoas. Aínda que se proclame de esquerdas, na práctica funciona como unha forza de centro ou de dereitas. Vimos de celebrar o Día das Letras Galegas e causa estrañeza que Pontevedra sexa a cidade de Galicia onde menos se emprega o galego de forma habitual. Isto indica que houbo un fracaso no tema do idioma.

Fala de rescatar os servizos da auga ou do lixo e no Concello defenden que a desprivatización encarecería os mesmos.
A auga na Coruña xestiónaa unha empresa pública e dá cartos. Nós cremos que se debe xestionar desde o público porque así se garantirá a universalización do abastecemento e do saneamento a todos os veciños.

A cuestión da lingua. "Causa estrañeza que Pontevedra é a cidade de Galicia onde menos se emprega o galego. Isto indica que houbo un fracaso"


Cal é o eixo do programa electoral de Marea?
A nosa prioridade máis inmediata son os veciños que están a padecer máis cruelmente as consecuencias da crise. Cuantificar 17.000 persoas en risco de exclusión nunha poboación de 83.000 fai que a axuda a esas persoas se converta en prioritaria.


Non ten a sensación de que a loita contra a exclusión está a converter ás administracións en organismos de caridade?
Os concellos son as administracións máis próximas e deben ser máis sensibles, escoitando a voz das persoas, acompañándoas e axudándoas. Nese sentido, non sei se teño mentalidade de ONG. Pero se alguén o interpreta así, a moita honra. Se a política debe valer para algo é para loitar eficazmente contra as desigualdades. E a peor de todas é a económica.

É o alcalde o culpable do paro?
Non. As políticas de emprego dependen da Xunta e do Goberno central. Pero en Pontevedra dá a sensación de que hai un cruce de brazos neste ámbito.

Que lle pareceu o cómic de ‘Lorix’?
Eu estou máis orgulloso do noso programa que de iniciativas que fixeron os demais.

Sentiuse ben ó varrer de forma simbólica e literal os políticos de toda a vida (PTV) na súa campaña?
Si. A política, tal e como a concibo, é un servizo temporal. No noso caso, comprometémonos no código ético a permanecer nun cargo público un máximo de dous mandatos. Esa tamén era a posición do Bloque antes de que a Lores se lle acumularan os mandatos.

El di que a experiencia é un grao.
Que a aplique noutros ámbitos.

Se non fora candidato de Marea apoiaría ó Bloque en Pontevedra?
Non. Creo que houbo un momento no que o Bloque puido converterse na gran forza de referencia da esquerda en Galicia. Pero iso xa foi hai bastantes anos.

Marea rodeouse de intelectuais, algúns ex do BNG, en plena campaña. Foi un sopapo ó BNG?
Non. É froito dos tempos, que piden cambio.

Marea está formada por partidos liderados por outra xente. Iso non lle resta autonomía?
Marea funciona asembleariamente. Unha persoa, un voto. E por aí pasamos todos.

Cando alguén o visita en Pontevedra, a onde o leva?
Á sala de estar da cidade, é dicir, ás prazas da zona monumental, que é unha mínima parte da cidade. Pero o importante non é só ter unha boa sala de estar. Tamén hai que ter un bo garaxe, un baño, unha cociña e uns cuartos.

Apláudelle ó Bloque ese modelo de cidade que está a rendibilizar?
Eu creo que o modelo de cidade é un slogan propagandístico que non responde á realidade. A cidade é froito do traballo de moitos pontevedreses. Aínda que se retirou a circulación e o estacionamento, a zona monumental converteuse nun parque temático para a hostalaría. Cómpre evitar os guetos tanto a nivel comercial como residencial neste lugar.

Comentarios