Lola Dopico: ''Non rexeito volver á política nun futuro''

A un Pleno de plantar o posto de edil, a nacionalista fai un balance positivo da súa traxectoria na Corporación municipal, da que salienta a posibilidade de participar «no proxecto de modelo de cidade»

Xa explicou que a súa marcha se debe a que precisa máis tempo para oficializar a titulación de Deseño e Moda. Pero, por que se produce agora?

Levo moitos ano dirixindo a titulación, pero foi case en xanerio cando saíu o decreto da Xunta que permitía transformar os títulos propios en títulos de grao. Entón recibimos a orde de empezar a traballar no proxecto e iso supón unha intensidade de traballo moi forte. Á parte da dirección do centro de todos os días, temos que presentar un proxecto á Axencia de Acreditación Galega que permita empezar a titulación antes do 2013-2014, polo que hai que reunirse con moita xente, editar guías docentes... moito traballo. E o que non pode ser é desatender unhas obrigas por outras.

Voltando a mirada cara atrás, das competencias que tivo, cal lle resultou a máis fructífera?

Os catro anos na Concellería de Cultura foron, sen dúbida, unha experiencia intensa, de coñecer polo miúdo o que se estaba a desenvolver na cidade. Ademais, é unha área na que me sinto cómoda, pois garda relación coa miña formación e os meus intereses. Pero o máis fructífero foi a experiencia de traballar na área municipal, nun proxecto de equipo e de modelo de cidade.

Á marxe dese proxecto de cidade, hai algún outro que deixara pegada na súa traxectoria municipal?

Para min hai proxectos moi queridos, como a transformación realizada no contexto do Pazo da Cultura, onde acollemos exposicións con gran calidade. Logo teño afecto persoal por outras iniciativas feitas no ámbito da cidade, porque me gusta o traballo cultural no espazo público e a verdade é que houbo algúns proxectos nesta liña, como ‘A cidade é túa, ou a praza efémera, que se fixera no quiosco da música. Aínda lembro a unha muller en cadeira de rodas que estaba encantada de subir a unha pasarela. Son cousas pequenas, pero as que máis agradan.

E algunha espiña cravada?

Espiña como tal, non, pero hai moitos proxectos que quedaron no tinteiro, que non atoparon o seu momento. De feito, aínda teño ideas na cabeza que igual se poden volver a artellar ou debuxar no futuro.

Algunha en particular?

Non sería lóxico dicilo. Cada proxecto ten que ter o seu momento, e seguramente haberá outro no que recuperalos.

Que lle parece a entrada de Miguel Filgueira na vacante que deixou no grupo nacionalista?

Fantástica. É unha persoa dinámica e con moita capacidade de traballo que vai achegar moitas cousas. Vén con moitas ganas e ten moitísima empatía personal, polo que creo que vai ser unha magnifíca fichaxe, un magnífico xogador de equipo.

Quen pensa que podería tomar o seu relevo como concelleira de Igualdade?

Depende da organización do grupo, pero creo que a compañeira Carmen Fouces podería facelo. Está facendo un traballo extraordinario en Servizos Sociais e creo que faría o mesmo nesta área, con garantías, calidade e implicación, como o fai todo.

A súa despedida da política é un adeus ou un deica logo?

Creo que nestes momentos non teño a capacidade que tiña hai un tempo, a nivel de dedicación e de tempo. Pero non o digo como unha retirada ou un adeus, simplemente o meu ámbito profesional ten que ser agora prioritario, porque tamén é un proxecto que construín, que precisa de min. Nestes momentos non me plantexo volver á vida municipal, pero depende do momento, das necesidades e das dispoñibilidades. Non o rexeito para un futuro.

Como reaccionaron os seus compañeiros de Goberno?

Son compañeiros e durante cinco anos estivemos xuntos no día a día. A relación sempre foi de máximo entendemento e en todo momento estiveron compartindo o proceso, polo que non foi sorpresa ningunha. A comunicación sempre foi fluída.

Comentarios