Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Núbebes repite o seu éxito

Espectáculo de clausura, que tivo lugar o domingo.
Espectáculo de clausura, que tivo lugar o domingo.
O festival para bebés volve triunfar na súa terceira edición ao ser a única oferta deste tipo en Galicia. Recibiu visitantes de todas as cidades galegas e formáronse colas para entrar

"Impresionante". Así definiu onte Andrea Bayer, de Baobab Teatro, a última edición do Festival das Núbebes. A actriz explicou onte que, tras poñer punto e final á terceira edición deste evento, os organizadores atópanse agora analizando e reflexionando sobre o festival de cara á súa vindeira edición. Unha vez clausurada a terceira edición, Bayer amósase «esgotada pero satisfeita cos resultados», de xeito que definiu o evento como un verdadeiro "éxito".

Os membros da organización recibiron moitas felicitacións, incluso de xente de fóra de Pontevedra que sente envexa por non ter nas súas cidades un festival coma este. E é que Núbebes é un evento único en Galicia e case en España. "Eu só sei que hai algo semellante na zona de Castela e nalgunha cidade portuguesa, pero é algo raro e as actividades deste tipo tenden a desaparecer porque precisan moito apoio institucional e son moi laboriosas", contou Bayer. Da mesma maneira, sinalou que un evento como este xera tamén postos de traballo porque require unha preparación previa e unha importante cantidade de persoas traballando.

Porén, tamén recoñece que existiron queixas sobre algúns aspectos do festival, sobre todo por mor das colas que se forman para coller as entradas. "Moitas veces a espera xéraa o propio público, non é preciso poñerse a esperar dúas horas antes diante da billeteira para sacar unha entrada", explicou onte. Do mesmo xeito, xustificouse aludindo a que "o 95% dos espectáculos son de balde e algo ten que custar, como por exemplo a espera". Ademais, dixo que foi pouca xente a que quedou sen entrada e explicou que a maioría das queixas eran de persoas de fóra de Pontevedra "e este festival é para xente de aquí, porque quen o apoia é o Concello".

O Festival das Núbebes é un evento único en Galicia e só existen citas semellantes en Castela e nalgunha cidade portuguesa

Nestes tres anos ao festival deulle tempo a medrar xunto ao seu público, que en moitos casos xa se fai maior para seguir asistindo ás actividades do programa. De cara á vindeira edición, os membros da organización xa teñen en mente realizar unha serie de cambios, aínda que é cedo para adiantar algúns deles. "Somos moi esixentes e tratamos de mellorar ano a ano todo o que poidamos", explicou onte Andrea Bayer. A integrante da organización xa adiantou que será imposible aumentar o aforo de asistentes porque ao traballar con bebés é preciso manter un público limitado. "Non é unha cuestión de espazo, porque hai xente que nos suxire facer as actividades noutros recintos con máis capacidade. Pero trátase de que cando se traballa con bebés temos que facelo cun número limitado, ten que ser pouco público", contou a organizadora.

Do mesmo xeito, considerou que non é posible facer máis de catro pases dun mesmo espectáculo nun día. "Mataríamos ao artista!", dixo Bayer. "É físicamente inviable para o artista, ademais de que non hai tempo material no día para facelo", asegurou a organizadora do festival.

Con todo, esta terceira edición do festival rematou como as anteriores, coa sensación de éxito e coa certeza de que é unha das actividades máis solicitadas da programación cultural de Pontevedra. É, ademais, un festival en movemento, "no que gañamos espectadores todos os anos e, aínda que nos dea pena, tamén os perdemos porque van medrando dunha edición a outra".

Núbebes repite o seu éxito
Comentarios