O BNG de Pontevedra ten listos 11 proxectos para obter 6,3 millóns dos fondos do Estado

Once dos proxectos que o Concello presentará ó Fondo de Investimento Local recibirán mañá o visto bo da Xunta de Goberno local. Trátase das iniciativas promovidas polas concellerías dirixidas polo BNG, que repartirán 6,3 millóns en intervencións nas parroquias e no casco urbano e que inclúen novidosas propostas, como medidas contra a contaminación lumínica e de aforro enerxético.

A convocatoria do Estado destinada a dinamizar a economía local empregarase para rehabilitar edificios dos que se poderán beneficiar os cidadáns: en Meán (Cerponzóns), Reiriz (Alba) e A Devesa (Alba) está previsto recuperar antigos inmobles que se converterán en centros sociais ou que mellorarán as dependencias xa existentes. Trátase de tres ambiciosas actuacións ás que se destinará un investimento de 455.067 euros, coa partida de maior cantidade para A Devesa, onde será preciso demoler os tabiques interiores e o muro medianeiro, ademais de retirar a carpintería e crear unha porta de acceso.

Os proxectos do rural non se cinxen unicamente ás casas da cultura. En Santa María de Xeve mellorarase o punto de emprazamento do poste no que se instalarán os equipos reemisores do sinal da Televisión Dixital Terrestre e de Wimax, que servirán para dar servizo a unha cantidade importante das parroquias do termo municipal. Para isto será preciso reformar unha pista de acceso.

En conxunto, os traballos crearán emprego no campo das novas tecnoloxías. Dos investimentos previstos no casco urbano, a mellora da eficiencia enerxética será o proxecto máis custoso. A previsión é adicar á mesma 1,7 millóns dos fondos do Estado, no marco dunha iniciativa que pretende dar continuidade á mellora do medio ambiente. Os concelleiros do BNG traballan para que os novos alumeados melloren a protección do contorno no que se localicen e diminúan as emisións de gases de efecto invernadoiro, ademais de limitar a contaminación lumínica e reducir o alumeado molesto. Esta proposta contribuirá tamén a fomentar a seguridade e a protección cidadá e o crecemento da actividade comercial e do turismo.

Comentarios