Nulo impacto da protesta do BNG pagando as peaxes da AP-9 con céntimos

Un dos coches que participou onte na protesta. david freire
photo_camera Un dos coches que participou onte na protesta. david freire

O BNG realizou onte unha nova protesta para reclamar a gratuidade da peaxe da AP-9. Fíxoo pagando en céntimos as taxas en varios lugares de toda Galicia. En Pontevedra foron uns 25 coches os que participaron na iniciativa ralentizando o tráfico na peaxe de Alba sobre as cinco e media da tarde. Os vehículos saíran de Barro e tamén do Salnés.

«Era un acto meramente reivindicativo, non pretendiamos provocar ningún tipo de colapso, senón poñer de manifesto que o Estado está a coller concesións doutras autoestradas españolas con cargo aos cartos públicos e aquí en Galiza estamos a pagar das peaxes máis caras sen ter vías alternativas», sinalou onte a responsable comarcal nacionalista, Anxos Riveiro.

Sobre a AP-9, o BNG denunciou que a súa xestión «privada en mans de Audasa ata o 2048 tras a ampliación decretada polo Goberno do PP que presidía Aznar, duplicou as tarifas entre A Coruña e Vigo dende 2003, pasando de 10,28 a 15,35 euros».

Todo iso, engadiu a formación nacionalista, malia que esta vía «está amplamente amortizada», tal e como reflicten os beneficios da empresa concesionaria, que «ascenden 275 millóns de euros só dende 2008».

Ademais de conxelar os prezos das peaxes, o BNG tamén demandou o cumprimento «estrito» dos compromisos das concesionarias en relación á calidade do servizo xa que, segundo indicou, a día de hoxe «se converteu en habitual a ausencia de cobradores» e é «evidente unha deterioración xeralizada» do asfalto.

Comentarios