O Centro de Información á Muller dá a benvida aos homes nos seus cursos

Carmen Fouces (esquerda) e a directora do Centro de Información á Muller, Rosa Campos (Foto: Guille López)
photo_camera Carmen Fouces (esquerda) e a directora do Centro de Información á Muller, Rosa Campos (Foto: Guille López)

PONTEVEDRA. O Centro de Información á Muller (CIM) presentou a súa programación de outono con unha importante novidade: por primeira vez os homes poderán acudir aos cursos ofertados na sede do CIM de Pontevedra.

O primeiro taller no que poden inscribirse os varóns é o que leva o nome de 'Amaños de costura e reciclaxe', para o que, recorda a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, "é necesario levar máquina de coser propia, xa que nós dispoñemos de cinco que prestamos sen ningún problema, pero non ten sentido aprender a facer algo que logo non vamos poder desenvolver na casa". Neste curso hai quince prazas que Fouces cre "se cubrirán sen problema, e seguro que haberá lista de espera". O outro curso no que a concelleira espera que haxa participación masculina é o de iniciación ao teatro, no que se traballará sobre roles de xénero. Fouces explica que non se trata de "facer teatro de muller, senón todo o contrario, seguir traballando pola igualdade de todos os cidadáns, sexan homes ou mulleres".

Un dos cursos máis demandados, e que xa foi realizado con éxito polos alumnos de Belas Artes, é o de 'Arteterapia', que tamén dará comezo en outubro.

Dentro do ámbito do emprendemento e da inserción laboral está o módulo 'Empléate' no que, esta vez só as mulleres, poderán aprender a manexar as novas tecnoloxías e a Internet coa finalidade de mellorar a súa visibilidade na busca de emprego. Fouces remarca que "buscamos que as participantes poidan desenvolver un currículum interactivo e atractivo para quen o vexa. Tamén queremos que quen queira montar a páxina web do seu negocio poida aprender a facelo con nós".

A maiores ofértanse cursos de ioga e de informática.

Comentarios