O Concello habilitará carrís provisionais de acceso ós garaxes da rúa Santa Clara

Reunión entre o concelleiro de Urbanismo e os veciños, onte, en Santa Clara. rafa fariña
photo_camera Reunión entre o concelleiro de Urbanismo e os veciños, onte, en Santa Clara. rafa fariña

PONTEVEDRA. Os veciños e comerciantes da rúa de Santa Clara coñeceron onte todos os detalles sobre o proxecto de reurbanización integral que está a acometer a Concellería de Urbanismo, así como as distintas fases do Plan de Obra, deseñado para facer compatible a presenza das máquinas co tránsito peonil e rodado. Fixérono por boca do edil de Urbanismo, Antón Louro, que destacou que este vial conta con algúns tramos de beirarrúa con anchos inferiores a medio metro, case imposibles de atopar no resto do centro urbano, polo que era imprescindible afrontar esta reforma. Na súa opinión, o tratamento diante do convento de Santa Clara e no contorno do parking de Froiz era pouco afortunado e resultaba obrigado poñer estes espazos en valor como puntos de convivencia social.

A obra ten un prazo de execución de 13 meses, pero a empresa adxudicataria comprometeuse a rematala durante o vindeiro mes de xuño. Os traballos arrancaron esta semana nunha primeira fase que abrangue uns 60 metros, que van dende o extremo máis próximo ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ata un pouco máis alá do cruzamento coa rúa de Álvaro Cunqueiro. Este tramo, que contará cun pavimento de aglomerado asfáltico, estará concluído antes do Nadal.

A segunda fase iniciarase despois de Reis. Cubrirá algo máis de 120 metros e chegará ata o parking do Híper Froiz. O carril de circulación será pavimentado con formigón e a obra inclúe un tratamento monumental fronte ao convento, creando un atrio elevado e eliminando os parterres laterais que enterran parte da ábsida e do recinto relixioso. O Concello, que realizará un control arqueolóxico neste tramo, está a pactar con Patrimonio da Xunta os detalles da obra. O acceso aos dous únicos garaxes con vao permanente existentes neste ámbito quedará resolto por carrís provisionais. Ademais, coincidindo con esta fase, ampliarase a plataforma de tráfico no terceiro sector da obra, abrindo dobre sentido de circulación entre Padre Amoedo e o aparcadoiro soterrado do hipermercado. Estes traballos rematarán en abril de 2014.

A terceira fase acometerá definitivamente o extremo da rúa entre Padre Amoedo e os parkings, cunha lonxitude duns 70 metros. A entrada ao estacionamento farase por Santa Clara, no tramo xa reformado na segunda fase, e a saída dos coches resolverase compatibilizando o desenvolvemento dos traballos cun carril provisional cara Padre Amoedo. As obras quedarán así concluídas, segundo as previsións, en xuño de 2014.

O contorno da Praza José Martí terá parque infantil

A empresa adxudicataria das obras de Santa Clara traballará tamén, durante todo o período de execución, na reconversión do espazo da Praza de José Martí, que cambiará o seu aspecto para abrila ao máximo ás rúas contiguas. Disporá de tres bancos-xardiñeiras centrais e un novo pavimento. A carón da praza, o proxecto contempla a reforma da calella paralela ao muro do convento de Santa Clara. Alí vaise instalar un gran parque infantil (valorado en 140.000 euros) e proxéctase a ordenación de todo o espazo. Vanse eliminar as acacias que ensombrecen toda a área, respectando os tres castaños existentes. Colocaranse, ademais, tres farois para iluminar axeitadamente a zona.

Comentarios