O Concello impulsa un plan de recuperación para os cruceiros centenarios

Cruceiro de Casal do Mendo (Foto: DP)
photo_camera Cruceiro de Casal do Mendo (Foto: DP)

PONTEVEDRA. Lonxe de asistir impávido ao deterioro duns dos elementos patrimoniais máis singulares das terras galegas, o Concello decidiu entrar en materia e impulsar un plan de recuperación dos cruceiros centenarios que se atopan espallados polo termo municipal. A primeira fase durará tres anos (entre 2013 e 2015), actuará sobre trinta exemplares de máis de cen anos e contará cun orzamento de 150.000 euros.

O obxectivo será recuperar a súa mellor cara e garantir a súa supervivencia uns cantos anos máis. Para iso, algúns serán sometidos a tarefas de restauración e outros intervidos para contraatacar as operacións feitas no pasado. "Hai certos cruceiros que foron obxecto de restauracións desafortunadas, que acabaron coa inserción de ferros que se oxidaron e provocaron a rotura das pezas", sinalou onte o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará.

Outros cambiarán de lugar, pasando das casas particulares onde están resgardados a espazos públicos, ou reemprazados no mesmo contorno para reforzar a súa seguridade. "Sobre todo, aqueles que sofren por mor da circulación de vehículos", puntualizou Bará.

Ademais, levaranse a cabo traballos de sinalización, de divulgación e de dinamización.

Primeiras intervencións

Para este ano a previsión é de investir preto de 50.000 euros na mellora do estado de varios cruceiros. O primeiro deles será o de Casal do Mendo, emprazado na parroquia de Campañó e totalmente esnaquizado. A continuación actuarase en dous cruceiros localizados en Santa María de Xeve (en Gatomorto de Arriba e Gatomorto de Abaixo) e noutros tres asentados en Alba (en Reiriz e Ponte Cabras) e noutro emprazado en Salcedo (en Covas). Tamén está prevista unha intervención no cruceiro de San Amaro (mourente), golpeado por un vehículo. "O Concello localizou ao condutor, polo que a compañía de seguros asumirá os gastos de reparación", precisou Bará.

O plan foi presentado onte polo edil ante o consello asesor do patrimonio, xunto a outras iniciativas. Entre elas, unha nova edición dos roteiros polo patrimonio funerario e unha xornada técnica sobre castros, petroglifos e mámoas.

Comentarios