O convenio da escola infantil de Monte Porreiro regresa á Xunta por segunda vez

Aludido polas declaracións que fixo a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, hai 48 horas en Pontevedra, o Concello volveu remitir este mércores á Xunta de Galicia unha copia do convenio da Escola Infantil de Monte Porreiro, asinado no mes de xullo.

Segundo sostén a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, o documento xa se atopa nas dependencias autonómicas dende hai dous meses, ''pois foi unha das primeiras cousas que fixen cando tomei posesión''. Agora ben, a 'popular' aseverou todo o contrario, é dicir, que o Goberno local non lle enviara asinado o convenio, e que por tanto aínda non se podía incluir na rede de escolas Galiña Azul.

Fouces insistiu en que as verbas da 'popular' non estiveron no certo, pero co fin de non deixar oco a dúbidas, optou por reenviar un duplicado a San Caetano. ''Así, xa non poden dicir que non o teñen alí''.

Así e todo, a posible confusión da 'popular' non é para Fouces motivo como para comezar unha nova liorta. É máis, a socialista prefire deixar ao marxe as confrontacións que coparon tantos titulares no mandato pasado e dar paso a unha nova etapa máis fructífera para o barrio máis poboado da Boa Vila. ''O convenio está na Xunta dende mes do xullo, pero é que non tería sentido facer o contrario. O Concello ten cumprido ao 100% o convenio, porque ten feita a construción do edificio e mesmo a provisión de material que non estaba na súa compatencia. Así que, por que non deberiamos querer asinar o documento? A Xunta é a que ten que poñer agora o persoal, pero non queremos liortas. O que proceder agora é sentarse a falar xuntos e acordar un calendario para a entrada en funcionamiento da escola'', argumentou a nacionalista.

Reunión veciñal

O envío foi dado a coñecer pola concelleira no sitio máis idóneo para facelo: o Centro Cultural de Monte Porreiro, onde o novo coordinador da área urbana, Luís Bará, encabezou unha reunión cos veciños.

Como era de agardar, un dos temas estrela da reunión foi a situación da escola infantil do barrio, lista para entrar en funcionamiento dende hai meses. Como ocorre no seo do Goberno local, os veciños non entenden por que este centro permanece valeiro, condenado ás fatalidades da burocracia.


Comentarios