O IES Luis Seoane sae vencedor no Club de Debate

Participantes durante o Club de Debate onte no Pazo da Cultura. alba sotelo
photo_camera Participantes durante o Club de Debate onte no Pazo da Cultura. alba sotelo

PONTEVEDRA. O IES Luís Seoane foi o gañador da quinta edición do Club de Debate organizado polo Concello de Pontevedra, que tivo lugar onte no Pazo da Cultura. O tema a debater nesta ocasión foi ‘Ence-Elnosa ten que saír da ría’.

O IES A Xunqueira II foi o subcampión da xornada, que se enfrontou na igualada final ao vencedor. Os dous equipos finalistas acudirán á final galega do Club de Debate que terá lugar en Ferrol o 26 de abril. Alí terán como rivais a mozos procedentes de institutos de toda Galicia, e entre todos debaterán o tema ‘Pódese vivir en galego’.

Ademais dos dous vencedores, no Debate tamén participaron o IES Torrente Ballester, o IES de Ponte Caldelas e os IES Valle Inclán A e B.

Segundo o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, a xornada transcorreu «extraordinariamente ben» e salientou que gustara moito entre o público asistente. O concelleiro tamén quixo apuntar que «para o xurado foi moi difícil puntuar, sobre todo na final», e resaltou que «todos os grupos traballaron moi duro».

O premio para o equipo campión é un vale de 500 euros para mercar libros en galego e un libro de discursos para ter exposto no centro. Para o equipo finalista, o vale é de 300 euros.

Os obxectivos que pretende acadar o Club de Debate son favorecer o emprego da lingua galega, traballar a fluidez comunicativa ligada á oratoria, incitar o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.

Os grupos de debate están formados por entre 4 e 10 membros pertencentes aos cursos 3º e 4º de Ensinanza Secundaria Obrigatoria e 1º de Bacharelato.

Comentarios