domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

«O meu reto son as europeas, pero para as municipais debemos estar totalmente engraxados»

O deputado socialista no Congreso e secretario local en Pontevedra deixará este último cargo. Fala de como será o proceso e asegura que prefire que non haxa coincidencia entre o novo líder e o candidato á Alcaldía.

O pasado domingo Guillermo Meijón foi nomeado membro da nova executiva galega do PSOE. Inicialmente ía ter responsabiliades na área de Educación, pero un xiro inesperado levouno a coller a área de relacións institucionais.

Vén de entrar na executiva de Besteiro como responsable de relacións coas institucións. A súa entrada foi un convite ou unha esixencia para apoiar ao líder?

Foi un convite por parte de Besteiro que non podía rexeitar. Estamos nunha etapa moi ilusionante. Eu xa estivera na executiva galega con Emilio Pérez Touriño levando a área de Educación, e agora ao que me convidaron foi a levar a área institucional, seguramente en base á miña posición no Congreso e á coordinación dos compañeiros de alí e o resto. Fundamentalmente tampouco hai que ser moi intelixente para saber que quen leva a área institucional é un gran apoio para Gómez Besteiro. Desde esa modestia votarei no Congreso sabendo que as directrices institucionais serán marcadas en colectivo, algo que xa nos dixo Gómez Besteiro na primeira executiva.

Considérase logo un ‘home forte’ dentro da executiva? Hai apoio para traballar...

Diso podo dar grazas ao grupo socialista, á militancia e a todo o conxunto de Pontevedra... Eu entendo que cando na prensa se me tilda de home forte o que fai é darme un calificativo amable. Si podo dicir que son un home de peso, porque supero os cen quilos, pese ao que a min me gustaría...

Pero vostede executará decisións, non é un máis.

Estamos participando nalgo importante como é a executiva de Galicia e, polo tanto, colleranse as rendas para tratar que o partido represente a unión da esquerda neste país, para quitar ao Partido Popular do Goberno e para, nós, recuperar a postura que tiñamos.

Hai tamén máis representantes de Pontevedra.

Estamos ilusionados de que unha segunda persoa da asemblea de Pontevedra, que é da zona de Lérez, María del Carmen Casalderrey, esté na executiva. Levará a área de Pesca. Ela é bióloga, ten un bo perfil para levalo adiante. Eu creo que vai dar un xogo enorme porque as súas ganas de traballar son inmensas. Dende o primeiro día xa estaba chamando á xente e poñéndose ao día do cargo que ten. Creo que vai dar moitas sorpresas para ben.

Canto tempo cre que ten que estar de novo o PSdeG ‘sachando na horta’ para acadar resultados? Chegarán a tempo para as autonómicas de 2016?

Eu son moi optimista. Xa me gustaría chegar para as europeas. Así o digo, claramente.

Iso é o ano que ven...

O reto que teño son as europeas. A min gustaríame que nas europeas se vise que o grupo socialista está a recuperar posicións a ritmo importante. Creo ademais que co que está facendo a dereita neste país non debería de ser moi difícil recuperar esa confianza en base a un proxecto diferente de país. Sobre todo por como saímos dunha crise máis iguais e non máis distintos, que é o que pretende o PP. O meu reto son as europeas, pero obviamente para as municipais temos que estar totalmente engraxados.

«O meu reto son as europeas, pero para as municipais debemos estar...
Comentarios
ç