O Museo recupera a peza orixinal dunha Virxe

Os restauradores da institución descobren que a figura, doada pola familia Núñez Sobrino, foi entregada cunha cabeza que non era a orixinal
A virxe do leite, coas suas dúas cabezas
photo_camera A virxe do leite, coas suas dúas cabezas

"As cousas volveron ao seu sitio". Así resumiu o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a peripecia sufrida por unha escultura dunha Virxe do Leite do século XV, que o Museo de Pontevedra vén de incorporar aos seus fondos e á súa exposición permanente. A peza, doada pola familia Núñez Sobrino hai anos, chegou cunha cabeza que, segundo se descubriu durante a súa restauración, non era a orixinal. A casualidade quixo que a auténtica formase parte dos fondos do Museo. E agora, a Virxe orixinal pode visitarse no Sexto Edificio.

O director do Museo, Carlos Valle, un representante da familia que realiza a doazón, Ángel Núñez Sobriño, e membros do equipo de restauración da institución (como o responsable da recuperación desta peza concreta, Óscar Taboada), acompañados por Xosé Leal, presentaron a nova incorporación aos fondos do organismo e resumiron a súa historia. "Estamos, sen dúbida, ante unha peza dobremente singular", dixo Valle. "Primeiro, pola súa importantica artística e segundo polas circunstancias que rodearon a súa restauración".


A auténtica estaba entre os fondos museísticos dende 1964

Segundo contou o director do Museo, esta Virxe do Leite, que recibe esta denominación ao tratarse dunha representación na que a muller lle está a dar de mamar ao neno, está datada no século XV. "Case con toda probabilidade estariamos falando do ano 1480". De autor anónimo, a Virxe tería saído dun obradoiro da época e podería ter formado parte do conxunto de San Domingos antes de rematar nas mans da familia Sobrino, "un apelido tradicionalmente ligado, primeiro, á Sociedade Arqueolóxica e, posteriormente, ao Museo de Pontevedra". A relación esténdese ata a actualidade con esta doazón dunha peza que, ata os anos 60 estaba na finca da familia na Caeira (Poio) e que, trala súa venda, se trasladou, en 1968, á de Cequeril (Cuntis). "Trátase dunha escultura realizada por un autor cunhas características estilísticas ben acreditadas, tanto na cidade de Pontevedra, do convento de San Domingos, de onde probablemente procede, como noutros lugares da provincia".

A virxe foi doada ao Museo, xunto con dous capiteis da segunda metade do século XVI, con case toda seguridade tamén procedentes do mesmo convento. As tres obras formaron parte da colección reunida no seu día por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959).

DÚAS CABEZAS. A historia desta Virxe do Leite con dúas cabezas fíxose pública, por primeira vez, en novembro de 2013, durante unha visita dos medios de comunicación aos talleres de restauración do Museo de Pontevedra. Naquel momento, púidose fotografar a peza coas dúas cabezas: a auténtica e a que non o era. "Unha Virxe do Leite chegou aos talleres cunha cabeza que non era a súa. E resulta que a auténtica levaba nos nosos fondos 50 anos!", contou Valle aquel día. "Cando a escultura entra nos talleres de restauración do Museo descubrimos que a cabeza que trae incorporada non é súa orixinal", dixo.

A sorte quixo entón que revisando o epistolario entre Sánchez Cantón e Filgueira Valverde se dése cunha carta do 1 de outubro de 1964 na que se pode ler: "Compramos una preciosa cabecita de rey (¿mago?) del XV encontrada en... La Caeira". Podería ser que aquela peza, exhibida durante anos nunha vitrina ubicada na planta baixa do Edificio Fernández Flórez, fose a que lle faltaba á escultura doada polo Núñez Sobrino? Feitas as comprobacións polos especialistas do Museo, confirmouse que esa era a cabeza orixinal da Virxe do Leite. "O lugar e a data da adquisición da obra, xunto coa comprobación do tipo de granito, foron claves para a reconstrución da peza", explicou Valle.

A Virxe do Leite da familia Sobrino loce coa súa forma orixinal no Museo, na mesma sala na que está o tímpano de Santa María de Vigo ou a efixie funeraria de Sueiro Gómez de Soutomaior, obras todas elas do mesmo obradoiro no que traballou o autor da nova peza. "A cabeza que traía erroneamente incorporada, tamén do século XV, permanecerá nos nosos fondos".

Ángel Núñez Sobrino lembrou como a imaxe da Virxe forma parte dos seus recordos de infancia. "Es una pieza que asocio a mi niñez, a finales de los años 60, en la finca de A Caeira, a cómo, con mi hermano y mis primos, jugábamos cerca de esta maravilla", contou. "Se trata de una imagen que a mí siempre me ha encantado de manera instintiva".

Comentarios