O PSOE esíxelle a Núñez Feijóo que aclare ''quen minte sobre o traslado de Ence''

PONTEVEDRA. O parlamentario socialista Guillermo Meijón presentou onte unha batería de preguntas no Parlamento para que a Xunta explique «si minte Feijóo ou Ence» sobre o traslado da factoría. Nas súas iniciativas parlamentarias, Meijón pregunta pola contradición entre o anuncio do presidente da Xunta sobre as conversas coa empresa e as do conselleiro delegado da factoría, Ignacio de Colmenares, sinalando que «non estudamos nada, estamos ben onde estamos».

O parlamentario pontevedrés sinala que a frase emitida onte polo responsable da empresa resulta «demoledora» e «pon en solfa as recentes declaracións do presidente da Xunta en sentido totalmente contrario».

Lembrou que Núñez Feijóo anunciaba avances nos contactos entre a Xunta e a empresa e un virtual adianto no cambio de emprazamento sobre a fecha límite de 2018.

Meijón engade que «o que está claro é que ou ben o presidente da Xunta ou ben o conselleiro delegado de Ence están a faltar á verdade, porque unha cousa e a contraria non poden ser certas ao mesmo tempo».

O socialista apunta que o conselleiro delegado «falando en nome da empresa, veu botar unha lousa por enriba do manifestado por Núñez Feijóo, cuxa veracidade queda en entredito». Engade que «non queda menos que pensar que os supostos avances indicados polo presidente da Xunta tan só tiñan espurios intereses electorais a favor do candidato do PP na cidade de Pontevedra».

O grupo socialista rexistrou onte mesmo na Cámara autonómica unha recua de preguntas, orais e por escrito, «co obxecto de que Feijóo se desdiga das súas manifestacións ou ben poña enriba da mesa cales foron os supostos avances coa empresa e cales son os compromisos reais aos que se ten chegado».

De Colmenares asegurou o pasado martes en Santiago (no marco da firma dun convenio entre a compañía pasteira e os produtores de madeira de Galicia) que Ence encóntrase «moi ben» na súa actual situación (Lourizán), polo que «non estuda» unha nova localización. «Non estamos a estudar nada, estamos moi ben onde estamos», afirmou o alto executivo.

A Lei de Costas establece o ano 2018 como data límite para que Celulosas abandone a súa actual localización. O Plan do Litoral (POL) e o borrador do plan urbanístico de Pontevedra (PXOM) contemplan tamén esta cuestión.

«Os supostos avances indicados por Feijóo tan só tiñan intereses electorais a favor de Telmo Martín», reprocha Meijón

Comentarios