As oficinas de turismo atenderon a 265.275 visitantes durante o verán

PONTEVEDRA. As oficinas de turismo da provincia de Pontevedra rexistraron 265.275 turistas no presente verán, unha cifra lixeiramente superior á acadada o pasado ano, que se achegou ós 248.000 visitantes. Os datos foron extraídos das 43 oficinas que a Deputación tivo abertas nos tres meses da temporada estival, que foron atendidas por 56 bolseiros.

Polos catro puntos de información situados na cidade de Pontevedra pasaron 26.597 forasteiros, dos que 9.136 fixeron consultas na sede de Turismo Rías Baixas (situada no Palacete das Mendoza) e 17.461 achegáronse ata a Casa da Luz (na que está situada a oficina turística do Concello) e ás casetas da Praza de España e Vialia.

Cunha media de 2.947 persoas cada día, os datos reflicten que o 75% dos visitantes que se achegaron para demandar todo tipo de información eran de procedencia nacional (maioritariamente de Madrid, Asturias, Castela e León e Andalucía) e o 25% restante estranxeiros, sobre todo de nacionalidade portuguesa, francesa e italiana, aínda que tamén se rexistrou unha significativa presenza de visitantes do continente asiático.

Idade

A idade media dos visitantes das oficinas oscilou entre os 35 e os 60 anos, que no 39% dos casos viaxaban en parella, no 29% en familia e nun 20% con amigos. A estancia media dos visitantes foi dunha semana.

Os datos relativos ao modo de aloxamento indican que un 45% dos turistas descansou en hotel, un 19% en albergue e que o 25% eran turistas de paso. Para desprazarse, un 61% decantouse polo autobús como medio de transporte e un 25% viaxou no seu propio vehículo.

O 35% dos forasteiros visitaron Pontevedra animados polas guías e polas referencias que viron a través Internet, o 30% viñeron para gozar do clima e da paisaxe, o 15% percorría o Camiño Portugués de peregrinación a Santiago, o 15% chegaron atraídos pola gastronomía e o 5% aproveitaron o verán para visitar a familia e ós amigos que residen nesta provincia. Os que se decidiron polo destino Rías Baixas fixérono movidos pola cultura e o ocio nun 45%, e pola paisaxe e a natureza un 35%.

A oficina turística da Armenteira atendeu a 12.202 visitantes e a do Grove a 20.423. Polo punto de información de Sanxenxo pasaron 10.385 viaxeiros, polo de Cambados 5.684 e polo de Vilagarcía 5.311. Ademais, a caseta da Illa recibiu a consulta de 4.302 forasteiros, a de Poio 7.089, a de Cangas 15.756, a de Marín 2.759, a de Bueu 2.855, a de Caldas 1.991, a de Cuntis 366, a de Silleda 2.879, a de Lalín 750 e a da Estrada 472.

Comentarios