Os escolares achegaranse á vida no rural da man dos veciños do Salgueiral

José Bravo (esquerda), Miguel Filgueira e Desiré Vidal, na rolda de prensa de presentación (Foto: Ángel Barreiro)
photo_camera José Bravo (esquerda), Miguel Filgueira e Desiré Vidal, na rolda de prensa de presentación (Foto: Ángel Barreiro)

PONTEVEDRA. Uns 300 cativos de 2º, 3º e 4º curso de Primaria pertencentes a oito centros educativos pontevedreses participarán nas nove saídas programadas dentro dun proxecto organizado polo Concello e a Comunidade de Montes do Salgueiral para achegar aos escolares ao mundo rural. Os roteiros, que se porán hoxe mesmo en marcha cos nenos do CEIP Santo André de Xeve, terán aos propios veciños do lugar do Salgueiral (na parroquia de Bora) como guías locais de excepción, que se encargarán de ensinar aos pequenos toda unha variedade de apeiros de labranza, animais de granxa e actividades propias da vida rural.

A iniciativa foi presentada onte en rolda de prensa polo concelleiro delegado da parroquia de Bora, Miguel Filgueira; o presidente da Comunidade de Montes do Salgueiral, José Bravo, e a coordinadora do proxecto, Desiré Vidal, da Aula do Almofrei. Tal e como precisou Vidal, as saídas, que pretenden amosar unha pequena parte do rico patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do rural pontevedrés, desenvolverase ata o 31 de maio en horario de 10.00 a 13.30 horas.

Segundo apuntou, durante o percorrido, os nenos pasarán "pola casa da señora Laura", que ten un corral con apeiros de labranza dos seus antergos e no que se montou unha especie de museo, e tamén "pola casa do señor Evangelino", que lles amosará aos rapaces como se realiza o coidado do gando. "Tamén pasarán pola casa do señor Basilio -apuntou-, que lles explicará como se debulla o millo, e pola casa de Simón, que ten un tractor".

O seguinte roteiro terá lugar o venres, coa participación dos alumnos do CEIP San Bieito de Lérez, mentres que as seguintes saídas estarán protagonizadas polos nenos dos colexios Príncipe Felipe, Marcos da Portela (en dúas ocasións), Cabanas (Salcedo), Parada (Campañó), Sagrado Corazón de Os Praceres e A Xunqueira II.

Pistas dun xogo

Ao longo da mañá, os pequenos visitarán a aldea seguindo as pistas dun xogo que os achegará á vida cotiá do campo: sacar aos animais a pacer nas leiras e darlles alimento, coñecer os distintos cereais e outros alimentos que obtemos do campo, aprender cales son as partes dunha casa tradicional galega (eirado, lagar, hórreo, alpendre, cortes, forno, lavadoiro,...), moerán o gran de millo anteriormente recollido e verán como se coce o pan no forno de leña. En todos estes labores estarán acompañados polos veciños do Salgueiral e por guías especializados.

Ademais de experimentar a vida na aldea dun xeito lúdico, os nenos dos colexios participantes nesta terceira edición do programa, de entre sete e dez anos, repasarán aspectos curriculares da área de Coñecemento do Medio, como a relación do home co seu contorno natural como fonte de alimento, vivenda e sustento.

Comentarios