sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

''Os 'lombos' viñeron para quedarse, son salvavidas''

O modelo de cidade está a obter sucesivos premios polo seu deseño e condicións de accesibilidade. Chegou o momento climax deste modelo ou aínda queda por desenvolver?

O concepto está definido e plasmado nunha gran parte da cidade, pero non está rematado, hai que facer moitas actuacións en barrios e parroquias. Tamén é certo que non está aproveitado na súa máxima extensión. Os camiños escolares, por exemplo, teñen que estenderse á totalidade dos centros e probablemente a algunhas zonas do rural. E hai 30 ou 40 rúas que necesitan unha rehabilitación integral. Algunhas non continuaron pola falta de compromiso doutras administracións, por exemplo, as obras de humanización de Monte Porreiro ou as do Castañal, para as que se comprometeron seis millóns de euros para cada unha.

A peonalización chega agora a Benito Corbal, Castelao, Daniel de la Sota Cruz Gallástegui e Sagasta. Vaise deter aí ou o Concello ten a intención de estendela?

Esa actuación é algo máis que a peonalización de rúas e é unha demanda. Se non actuamos antes é porque queríamos darlle coherencia, sobre todo no eido da circulación e dos servizos. Joaquín Costa tamén podería entrar, pero aí xa hai un avance feito en materia de calidade urbana. A nosa peonalización é dinámica e sensata, porque permite a actividade económica, a carga e descarga e o acceso dos residentes, e porque conta cunha participación elevadísima da xente. De feito, hai moitos que non se explican como somos capaces de peonalizar sen pivotes, cousa que aquí facemos porque a xente entende o modelo e hai colaboración cidadá. Eu non falaría de peonalización sen máis, eu falaría de calidade urbana, de mellora substancial da accesibilidade que, por tanto, irá avanzando conforme avance a reforma.

Os ‘lombos’ viñeron para quedarse ou para acostumar aos condutores a conducir a 30 por hora?

Viñeron para quedarse. Se as modificacións no código de circulación que propuxemos dende aquí se poñen en marcha, podería chegar un momento no que fosen innecesarios, pero xa detectamos nalgunhas plataformas únicas onde non hai ‘lombos’ que hai velocidades excesivas. Unha cousa é a decisión de reducir a velocidade a 30 e outra a consecuencia práctica, que desgraciadamente necesita dos ‘lombos’. Probablemente, ao cabo dos anos, cando a xente se conciencie non sexa unha medida imprescindible, pero polo de agora si que o é. Ademais, hai unha demanda sentida e masiva de reductores de velocidade, non só na cidade, senón en moitas zonas do rural. Por tanto, hai que meterse na cabeza que os ‘lombos’ son salvavidas, da propia xente que é contraria eles. Non hai que velos como un elemento coercitivo, senón como algo que beneficia a todo o mundo, incluído o que está facendo a infracción. Ademais, se un vai a 30 quilómetros por hora non pasa nada, aínda que teñas problemas de cervicais, outra cousa é que vaias a 50, que igual rasca algo o coche, pero xa é un problema dun.

En breve chegará o multamóbil. O PP di que o seu afán é recaudatorio, vostede...

Ten un nome absolutamente desafortunado, porque esa non é a idea. Nós non temos ORA, pero si moitos estacionamentos en superficie, todos eles gratuítos. Tamén zonas de carga e descarga, e de servizos limitadas por tempo, pero hai que ter en conta que na cidade entran entre 100.000 e 150.000 coches todos os días para unhas 10.000 prazas. Se non lle das mobilidade, onde se meten eses coches todos? O problema que temos é que hai vehículos que ocupan as prazas de carga e descarga e hai outros que non respetan os tempos das prazas de servizos. Polo que temos que controlar isto para que os estacionamentos cumpran a función que teñen que cumprir: permitir unha descarga dun vehículo ou un estacionamento durante uns minutos. A ventaxa do multamóbil é que cun só vehículo e un policía ou dous podes sacar unha fotogafía de practicamente toda a cidade cada media hora, puidendo comprobar os que superan o tempo. Pola contra, na actualidade os policías teñen que anotar o tempo e a matrícula. O que se persigue é darlle fluidez e uso aos espazos para o estacionamento.

''Os 'lombos' viñeron para quedarse, son salvavidas''
Comentarios
ç