Patróns de Pontevedra

O pontevedrés José Luis Rodríguez, de Os de Algures, faise co primeiro premio en traxes de gala no Concurso de Traxe Tradicional de Compostela. David Quiñones, de Celme, quedou en segundo posto en traxes de cotío
David Quiñones (esquerda) e José Luís Rodríguez cos traxes premiados de Santiago
photo_camera David Quiñones (esquerda) e José Luís Rodríguez cos traxes premiados de Santiago

Pontevedra mantense como unha referencia na patronaxe e costura do traxe tradicional galego masculino. O pontevedrés José Luis Rodríguez (presidente e fundador do grupo de música tradicional Os de Algures), que acumula ata oito premios no Concurso de Traxe Tradicional, que se celebra en Santiago de Compostela durante o Día do Enxalzamento do Traxe Galego, vén de sumar outro galardón neste certame, o máis importante de Galicia. Na categoría masculina, Rodríguez fíxose co primeiro premio en traxes de gala. Houbo ademais outro recoñecemento para Pontevedra: David Quiñones (de Celme) gañou o segundo premio en traxes de cotío. "En realidade a diferenciación entre traxe de garda e de faena fíxose a mediados do século XX e nada ten que ver coa realidade da indumentaria do XVIII e XIX en Galicia".


Na 36ª edición do certame, que tivo lugar o 26 de xullo na Praza da Quintana, José Luis Rodríguez, que foi comisario da recén clausurada exposición ‘Vestidos con pincel, cosidos con agulla’, do Museo de Pontevedra, presentou "un traxe de gala ou garda da comarca de Santiago".

"Despois de anos desaparecido, este traxe galego reapareceu nunha mostra na Hispanic Society of New York" 

Segundo explica, está composto por monteira, "de pano marrón e vermello, con aplicación de veludo negro bordada a cadeneta con fíos de cores"; calzón, "con ‘alzapón’ pechado con botón e presilla e petrina con ollales, olletes e cinta atadeira"; faixa, "de la negra"; chaqueta, "de estilo marsellés con pulsos encañonados, petos, presillas nas mangas e ribeteada en veludo negro"; chaleco, "de pano marrón e veludo negro cunhas costas de liño e un espectacular sacramento"; e polainas, "longas ata o xeonllo e entalladas, que pechan con quince corchetes".


José Luis Rodríguez conta que as pezas orixinais forman hoxe parte dos fondos do Museo del Traje de Madrid. "As primeiras referencias deste atavío corresponden á Exposición del Traje Regional, que se celebrou na Biblioteca Nacional de Madrid en 1925", explica. "Despois de moitos anos desaparecido, reaparece nunha vitrina da exposición ‘Joaquín Sorolla & The Glory of the Spanish Dress, realizada na Hispanic Society of New York en 2011".

"A almilla do traxe de David Quiñones é unha reprodución dunha que aparece nun cadro de Álvarez de Sotomayor"

VAL DO ULLA. David Quiñones, pola súa banda, presentou un traxe da comarca do val do Ulla. "Neste traxe a almilla é quizais a peza máis característica, realizada en estameña en cor granate con remontas de pano negro formando vistosos debuxos e pespuntes e fío granate", di. "É unha reprodución da que aparece nun cadro do ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor de 1917". Segundo Rodríguez, para a súa confección foi usado o patrón orixinal da peza antiga.


"Por enriba da almilla leva un chaleco de pano negro coas costas en liño, reberetado con fita de veludo negro", segue a explicar o especialista en traxes tradicionais. "Por debaixo leva unha camisa do século XIX de liño, recollida en Barzamedelle, no concello de Leiro (Ourense)". David Quiñones levou, ademais, unha moca de raíz de toxo na man, "moi común nos homes para apoiarse ao camiñar, defenderse dos cans no camiño ou axudar a mover as bestas nas feiras".




Comentarios