As praceiras esixen o control dos ambulantes que venden no contorno do Mercado

Inspección efectuada hai uns días nas instalacións da rúa Serra (Foto: Gonzalo García)
photo_camera Inspección efectuada hai uns días nas instalacións da rúa Serra (Foto: Gonzalo García)

PONTEVEDRA. A inspección levada a cabo hai uns días no Mercado de Abastos serviu para poñer enriba da mesa algunhas das obrigas e esixencias que as vendedoras deben cumprir, como levar un gorro e un mandilón que garanta as condicións de hixiene na manipulación dos alimentos ou darlles visibilidade aos prezos de cada un dos artigos. Agora que os seus deberes quedaron ben claros, as praceiras queren que a Concellería de Promoción Económica tamén cumpra coas súas responsabilidades, resolvendo as diversas deficiencias existentes nas instalacións da rúa Serra e eliminando a situación de ilegalidade e competencia desleal que teñen que soportar nestes intres.

Algunhas destas eivas xa foron transmitidas en persoa á técnica e aos veterinarios responsables da inspección, se ben todas elas dependen directamente das competencias que ten a concelleira Carlota Román. A Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, que preside Mari Carmen Santos, admite que as praceiras, como todo o mundo, teñen algúns erros no seu traballo, pero sinala que "tamén hai cousas nas que falla o Concello".

Segundo denuncia, moitas das bancadas teñen que soportar a incidencia directa dos raios solares sobre o peixe e, ademais, o Mercado carece de máquina de xeo dende hai anos para solventar este problema (que se agrava de xeito moi significativo durante o verán). Por outra banda, os membros da asociación entenden que, do mesmo xeito que se lles fixo unha inspección a vendedoras que operan de xeito legal, a Concellería de Promoción Económica tamén debería fiscalizar a actividade dos ambulantes que se instalan no contorno do Recinto Feiral e na rúa Serra. "Pedímoslles que os que están en situación legal veñan para a Praza -subliña-, e que os que non o están, non poidan vender. O que non pode haber son dous mercados".

Outra das principais reivindicacións que o colectivo de praceiras lle fai á concelleira Carlota Román é que se traslade a celebración da feira a algunha das prazas lindeiras co Mercado.

Comentarios