A Praza da Ferrería como estudo de arte

A iniciativa ‘Artistas na rúa’ reuniu a varios autores ao longo da fin de semana que crearon á vista de todos os viandantes. Graffitis, pintura e performances tomaron a rúa para desmitificar o proceso creativo e achegalo ao público
Un neno participa na creación dun grafitti
photo_camera Un neno participa na creación dun grafitti

Unha ringleira de obxectos que caben nun bolso, unha morea de botellas de plástico ou un anaco de tea poden converterse en arte nunha tarde de sol como a de onte. Quen camiñara esta fin de semana pola Praza da Ferrería sábeo. Porque a iniciativa Artistas na Rúa reuniu o sábado e o domingo a seis creadores que fixeron da rúa o seu particular estudo.

Tratábase de achegar ao público o proceso creativo para romper os mitos establecidos e acurtar as distancias entre artistas e cidadáns. O obxectivo, segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, era «amosar os artistas da cidade, promover a expresión artística e brindar un espazo público para amosar o traballo dos artistas». Cada un dos días a praza foi ocupada por tres creadores que traballaron de cara ao público durante tres horas.

Na tarde de onte foi a quenda de Alba Fernández, Alba Blanco e María Roja e Adrián Penjido. A primeira delas, que estudou Belas Artes en Pontevedra e continuou os seus estudos en Barcelona, fixo unha reinterpretación da ‘Éxtase de Santa Teresa’ de Bernini utilizando un tecido sobre o que retratou a escultura utilizando técnicas como a pintura, a serigrafía e contando mesmo coa intervención das pombas, que tamén participaron na obra ao deixarlles comida sobre ela. «Trátase de amosar a cara de Santa Teresa en éxtase pero reinterpretando os motivos polos que entra nese estado, que poden ser outros aparte do relixioso», explicaba onte. A súa proposta estaba baseada nos arquetipos de xénero.

Adrián Penjido, de Silleda, demostrou a súa capacidade de facer arte con materiais de refugallo. Deste xeito, reutilizou materiais e obxectos reciclados para construír un refuxio. «O obxectivo é que a xente vaia traéndome restos de materiais para ir construíndo unha especie de refuxio», contaba mentres unía restos de botellas de plástico sentado na Ferrería. Ao seu carón amontoaba as bolsas con materiais de refugallo que a xente ía traendo. «Por exemplo, se están tomando un refresco nalgunha destas terrazas poden traerme a lata que lles sobre», continuaba. A intención da obra de Penjido era pedagóxica, pola colaboración da xente á hora de reutilizar os residuos, pero tamén buscaba suscitar un cambio na percepción do termo lixo, corrixindo os posibles prexuízos e desmostrando que os materiais de refugallo tamén poden servir para crear arte. O artista é estudante do último curso de Belas Artes.

PERFORMANCES. Alba Blanco e María Roja realizaron varias performances ao longo de toda a tarde que estiveron baseadas na relación cos viandantes. Deste xeito, a primeira hora da tarde, baleiraron os seus bolsos e colocaron nunha ringleira todos os obxectos personais que levaban dentro, dende un paquete de panos de papel a un estoxo para as lentillas ou unha compresa. «Esta é a forma que temos de presentar os materiais que temos e cos que imos traballar ao longo da tarde», explicaban, «do mesmo xeito que os nosos compañeiros utilizan a pintura ou o plástico para realizar arte nós farémolo cos nosos propios corpos e co que teñamos a man, é dicir, co que levamos no bolso». A partir de entón, as mozas realizaron diversas accións guiadas pola improvisación e a interacción co público. Tanto Alba Blanco como María Roja son estudantes de doutorado de Investigación e Creación na Universidade de Vigo e realizaron diversas exposicións a nivel nacional e internacional.

SÁBADO. Durante a xornada do sábado tiveron lugar na Ferrería outros tres procesos creativos. Neste caso, Elena Bello e Belén Andrés realizaron un tecido a gran escala utilizando ovillos cos que o público ía creando a obra á vez que entrelazaba a la e xogaba co espazo. Cada persoa enredaba dun xeito distinto cada un dos fíos dando lugar a unha estrutura ampla, complexa e chea de cor.

O’ 'Ras levou un proxecto de grafitti. Deste xeito, o artista guiou aos asistentes á hora de pintar un muro, ofrecendo algunhas nocións básicas. O resultado foi un mural no que participaron gran cantidade de persoas que pasaron polo lugar ao longo da tarde. O sábado tamén pasou pola Praza da Ferrería a artista Azalea Santiago, que realizou fotografías xogando coa apertura do obturador. As imaxes imprimíronse no mesmo momento e penduráronse nun tendendeiro á vista dos viandantes.

Comentarios