Homenaxe a Rosa Escudero, a rosquilleira infatigable de Campañó

De esquerda a dereita, Ricardo Tilve, Enrique Lores Escudero, Rosa Escudero, Manuel Ruibal e José María Dominguez, onte, . lorena castro
photo_camera De esquerda a dereita, Ricardo Tilve, Enrique Lores Escudero, Rosa Escudero, Manuel Ruibal e José María Dominguez, onte, . lorena castro

O colectivo Amigos de Campañó entregará o vindeiro 5 de xullo os galardóns correspondentes á cuarta edición dos premios Cabaza de Ouro que, nesta ocasión, recaeron na empresa Avícola de Galicia, que cumple o 50 aniversario da fábrica situada na parroquia, e en Rosa Escudero Rodríguez, coñecida co alcume de ‘a rosquilleira’.

A imaxe da premiada que teñen os veciños de Campañó é a da persoa que ata 2008 instalaba un posto de venda de rosquillas, velas e lambetadas para os rapaces a carón da igrexa parroquial de San Pedro ou no recinto da festa de Cabaleiro. «Non fallou nunca, nin ás festas nin os domingos», comentou onte José María Domínguez, un dos voceiros da entidade organizadora do certame, durante a presentación do mesmo.

«Gañei a vida como puiden, incluso traballando no sector da construción e nas estradas, con pala e pico, e carguei area en carros de bois», precisou ‘a rosquilleira’, que aos seus 91 anos (naceu o 26 de abril de 1923) conserva intactas as súas facultades mentais. O paso de tempo obligouna a ter que axudarse de bastón para camiñar, o que non lle impide seguir traballando, pero só nas tarefas domésticas.

‘A rosquilleira’ non para na casa. Colle o coche cando ten que ir a misa. Durante a súa vida tivo tres automóbiles, todos eles da marca Renault 4L. «Esta firma de coches debería facerlle unha homenaxe á fidelidade: en 1969 mercou o primeiro 4L, que lle durou sete anos, logo tivo outro 4L durante 13 anos e o último coche, tamén un Renault 4L, cumple 25 anos», precisou Domínguez.

Rosa matiza que non todos os coches que tivo foron iguais porque «o primeiro era de cor roxo, o segundo branco e o que teño agora é azul».

méritos. «Os méritos de Rosa para recibir este premio coñeceos todo o mundo: surtiunos de rosquillas, velas e cera nas festas e en Difuntos. Leva traballando toda a vida, desde que tiña seis anos», precisou Domínguez. A homenaxeada engadiu que «solo fun tres anos á escola, xa que desde os seis ata os nove anos traballei en Poio, e dos nove ata os 12 anos adiqueime a mariscar. Foron tempos moi duros».

Desde os 16 ata os 19 anos traballou nunha fábrica de area e gravilla, e vendeu pan ‘ao extraperlo’ na Praza da Verdura. Tamén foi traballadora da empresa A Panificadora de Pontevedra.

«Levei moitas molladuras, tiradiña polo monte adiante», precisa Rosa. Cando mercou o coche, no ano 1969, os desprazamentos foron máis longos e menos húmidos. «O máis lexos que fun vender as rosquillas e as velas foi ás festas da Franqueira, o Cristo de Gende, Santa Lucía de Samieira, Santa Rita e San Benito negro de Cobas-Meaño. Recordo que na ponte de Santa Lucía, en Vilagarcía, pasei moitísimo frío a carón do río».

Despois de casada tivo que sacar adiante aos seus catro fillos. O seu marido, co que casou en 1942, deixounos abandonados en noviembre de 1950 para emigrar a Arxentina. Ela estaba embarazada de seis meses do seu último fillo, Xosé Manuel, que naceu en marzo de 1951.

«Meu pai non se acordou máis de nós», sinala un dos seus fillos, Enrique Lores Escudero, que acompañou a Rosa no acto da presentación do galardón, que tivo lugar no Hotel Rural Campaniola, no que o 5 de xullo terá lugar a gala. «Miña nai tivo que traballar para tirar pola familia para adiante, e foi cando empezou a ir vender rosquillas ás festas e leite a Pontevedra».

Rosa tivo un posto na Plaza de Abastos, no que vendía ovos pola mañán. Pola tarde ía ás romarías a vender rosquillas e velas, e voltaba para a súa casa de madrugada. Case sen tempo para durmir, levantábase moi cedo para poñerse á fronte do posto na Praza. «Había días que traballaba máis de 20 horas», asegurou.

Cando abriron a Avícola mercoulle os ovos que todos os días vendía «moi baratiños», e os restos dos polos que mataban nesta empresa e que servían como comida para cans. «Recordo a miña nai ir ao Mosteiro de Poio, no que había moitos frades, para mercar cestas de ovos. Cando se instalou a Avícola en Campañó os adquiría aí para ir a venderllos aos mariñeiros que residían no barrio de Mollavao á porta dos seus fogares», destaca Enrique.

Gala

Tarxetas de asistencia

Avícola de Galicia acepta o premio Cabaza de Ouro que lle outorgará o colectivo Amigos de Campañó na gala que terá lugar o vindeiro 5 de xullo. Sen embargo, o acto de presentación do galardón, que se desenvolveu onte, non contou con ningún representa desta firma «por motivos de axenda», argumentou José María Domínguez, voceiro da entidade parroquial.

A entrega dos premios correspondentes á cuarta edición do certame Cabaza de Ouro comezará ás 22.00 horas, nunha cea que terá lugar no Hotel Rural Campaniola. As persoas interesadas en asistir ao evento terán que retirar as tarxetas no propio local hosteleiro, que ten un aforo máximo para 110 comensais.

Rosa vendía ovos pola mañán no posto que tiña na Plaza de Abastos e pola noite instalaba nas festas un posto de rosquillas

Comentarios