César Portela: «Soterrando o Gafos fixeron unha cloaca»

Anabel Gulías y Laura Nieto durante la comparecencia del lunes
photo_camera Anabel Gulías y Laura Nieto durante la comparecencia del lunes

O Premio Nacional de Arquitectura 1999 é un namorado de súa cidade natal: gosta de percorrela en longos paseos ‘multiescala’, pero sobre todo pola zona monumental. Aplaude os cambios que teñen axudado a mellorar a calidade de vida, como a peonalización, e critica a urbanización desnortada dos anos 60 e 70

Ó longo doS SEUS 75 ANOS César Portela percorreu máis de medio mundo. «Eu diría máis, oito décimas partes, polo menos», apunta cun sorriso contaxioso. Recoñece que lle encanta dar longos paseos por Pontevedra sen ter que recorrer ó coche e, como a maioría dos transeúntes, a inercia empúrralle cara a zona monumental. «Tén un encanto que ningún outro lugar da cidade tén». Por iso escomenzamos o noso paseo nos soportais da Ferrería.

A pesares de pasar moitos anos estudando fóra de Pontevedra, foi un fiel seguidor da súa evolución «porque a miña familia seguía aquí». Recoñece que para falar da súa cidade «teño que deixar a un lado a parte afectiva, porque me impide ter unha perspectiva obxectiva», pero bota man do seu enfoque profesional para ver «que segue a ter unha serie moi importante de valores, á súa escala, porque é unha cidade pequena. E iso é moi importante, porque un pódese mover sen ter que coller un coche nin ningún outro tipo de vehículo, porque tes todo moi a man. Cando veñen amigos de Madrid ou de fóra a visitarme e imos dar un paseo, sempre me din que o que nos fixemos nunha mañán, a eles lles levaría unha semana».

Pero, como calquera, César Portela tamén tén o seu sentido crítico para detectar o que non está tan ben. «Penso que en Pontevedra se poderían ter feito moito mellor certas cousas». E realiza unha análise demoledora: «Moita xente, tanto a que vive no centro como nos arredores, acabamos sempre no entorno do casco vello e os primeiros ensanches, como a Alameda ou As Palmeiras. Por que? Porque é a zona que tén máis encanto, máis atractivo. Logo tamén están os elementos naturais nos que se asentou a cidade, como o río, a ría, o conxunto de montañas suaves que hai arredor, o territorio rural... Pero o que se fixo nos últimos 40 anos xa non ten ese encanto, falo deses barrios que foron crecendo sen planificación nen orde, simplemente por motivos especulativos. Non tiñan o desexo de facer cidade como houbo cando se fixo o casco vello ou os ensanches. Non hai espazos públicos que poidan competir coa Alameda, coa Ferrería, coas Palmeiras, nin co rosario de pequenas praciñas que hai na zona monumental. E iso é un fallo urbanístico dos últimos 40 ou 50 anos».

«vivimos de rentas»

Engade que faltou sentimento en moitas das decisións tomadas e subliña que «estamos a vivir de rentas, estamos aproveitando o que fixeron antepasados como Alejandro Sesmeros, que fixo uns traballos cunha perspectiva urbanística moi seria e moi profesional. E cunha conciencia de cidade que lle daba ós espazos públicos a importancia que se merecen. E grazas a iso Pontevedra hoxe non é un marasmo, porque se tivera que vivir dos espazos públicos creados na periferia nos últimos 50 anos sería unha cidade horrible».

O recoñecido arquitecto cita un claro exemplo de mal urbanismo da época: «O río que pasaba polo centro da cidade, o Gafos, soterrouse. Se fixo unha cloaca nese río, cando se lle podía ter sacado un partido fantástico. Eu lembro, cando era neno, ir xogar a Campolongo e ter que atravesar o río, que estaba detrás da estación de Ferrocarril. Era unha paraxe marabillosa en pleno centro».

Seguindo co paseo pola zona vella, Portela vese incapaz de destacar un recuncho sobre os demais. «Gústame toda ela, porque cada lugar, cada praza, é diferente dos outros, pero un compleméntase co anterior, de tal xeito que ó percorrelos todos pasas por unha serie de espazos marabillosos».

Os estudos, primeiro, e as obrigas profesionais, despois, levaron a César Portela a viaxar constantemente e cada vez que voltaba á súa cidade adoitaba atoparse con algunha novidade. «Un dos cambios que me puxeron en tensión ocorreu ó segundo ano de estar eu fóra, cando se empezou a construir Celulosas nunha zona que era unha xunqueira. A imaxe que eu tiña da ría era unha fermosa posta de sol dende o balcón da Alameda, e iso xa non voltará».

Outro dos elementos tradicionais que se perderon co paso do tempo foi o barrio da Moureira, a zona mariñeira da cidade. «Empezou a converterse nunha cousa que nada tiña que ver co seu pasado», reprocha.

os baños no lérez. Igualmente dolorosa para César Portela foi a perda do Lérez como lugar habitual de baño. «Todos os rapaces íamos ó río; algúns iban á ponte do Burgo, outros ata A Puntada, outros ó Balneario... pero a xente de Pontevedra apenas ía ás praias, porque xa tiñamos o río».

Pero non tódolos cambios foron para peor. A transformación vivida pola cidade nos últimos 15 anos tampouco pasa allea ós ollos do camiñante. «Que o rei da cidade sexa o peón é importantísimo, pero penso que se podía ter feito aínda mellor».

A asignatura pendente máis urxente, asegura, é a elaboración dun novo PXOM «no que participen todos os que poidan aportar cousas e detectar os fallos, que hai moitos, para ir dándolles solucións». Entre esas «pequenas cousas que se deben corrixir», cita, por exemplo, «que a proliferación de terrazas e veladores non traspase a liña vermella do respeto ós espazos públicos. Hai zonas, como Os Soportais, que non se deberían invadir con terrazas».

Portela comenta outro dos aspectos nos que se avanzou cara atrás: «Antigamente, en tódalas plazoletas había unha fonte na que bebían nenos e maiores. Hoxe en día, para poder beber algo tes que sentarte nunha terraza, porque ese tipo de fontes xa non existen ou non funcionan. O mesmo pasaba no rural. Cando ías paseando non tiñas que chamar a ningunha porta para pedir un vaso de auga porque o que sobraban eran manantiais e fontes».

Tamén lembra que se perdeu a seguridade e a confianza nos veciños. «Podías deixar a porta da casa aberta que non pasaba nada. Incluso na época na que había moita penuria e escasez, as leiteiras deixaban a cántara detrás dun portal e a pesares de que todo o mundo sabía que estaba alí, ninguén a collía. Esa nobreza e sensación de confraternidade perdeuse e vótase moito de menos».

Outro exemplo: cando os pais querían ir ó cine non dubidaban en deixar ó fillo co veciño porque había moita solidariedade. «E esas cousas son moi importantes, porque que unha cidade sexa unha boa cidade non só depende dos seus muros, senón tamén dos seus cidadáns».

Comentarios