Xaime Toxo: «Temos que recuperar a Bienal de Arte»

PON0112P11F1.JPG
photo_camera PON0112P11F1.JPG
O presidente do Ateneo desfaise en piropos ó intenso momento cultural que está a vivir a cidade, «o maior de Galicia», aproveita para pedirlle ás instituciones que loiten por recuperar a Bienal de Arte. Defensor acérrimo da peonalización, destaca que o modelo urbanístico de Pontevedra pasou a converterse nun referente internacional

xaime toxo (Bueu, 1955) está íntimamente vencellado coa vida cultural e intelectual da cidade. Xa non polo seu cargo de presidente do Ateneo, senón pola súa producción literatura e polo súa implicación en calquera corrente que invite á reflexión. Non é de estrañar, logo, que o paseo teña o seu berce nos arredores do Café Moderno, escenario de apaixonados debates filosóficos.

«Pontevedra, hoxe en día, é a cidade con máis dinámica cultural de Galicia. E non me refiro ás infraestruturas (porque a rede de Museos da Coruña e moi importante), senón á cultura entendida como asociacionismo cultural, como dinámicas que xurden da base, tando vangardistas, como poida ser o Liceo Mutante; ecoloxistas, como Defensa da Ría; do mundo académico, como a Aula Castelao; ligadas á cultura xeral, como o Ateneo ou a Fundación Cuña Novás... En Pontevedra hai un enorme tecido que abrangue practicamente tódalas áreas, dende a vangardia ata a arqueoloxía», explica.

E no cumio de todo ese movemento Toxo sitúa ó Museo. «Pontevedra ten unha xoia extraordinaria e ten que desenrolala moitísimo. Pontevedra debe venderse como un modelo de cidade histórica, para que a xente de fóra veña a coñecela».

Aproveitando unha escala terraza do Café Moderno, Xaime Toxo ‘barre para casa’ e refírese ó Ateneo: «Desde a etapa dos anteriores presidentes (Juan Vidal Franga, Antón Louro e Carlota Román) e agora que estou eu, o Ateneo ten un pasado moi glorioso. Penso que o momento actual é moi rico, moi vivo. Que lle da un impulso cultural á cidade moi sobranceiro».

E a pesar das costosas facturas que está a pasar a actual crise, o presidente do Ateneo apunta que «estamos intentando manternos e manter a calidade da nosa programación».

Xaime Toxo non se cansa de destacar o «altísimo dinamismo cultural» que existe na cidade e lembra eventos da categoría do Culturgal e a Feira do Libro Infantil e Xuventil. «Pero aproveito para comentar que Pontevedra debería recuperar a Bienal de Arte. Era todo un símbolo da cidade. A única facultade de Belas Artes de toda Galicia está aquí e as institucións deberían facer un esforzo por recuperar a Bienal. Ou, polo menos, buscar un evento cultural que se identique coa cidade, porque penso que agora mesmo non o hai».

A zona monumental

Á hora de destacar un lugar da cidade, o presidente do Ateneo teno claro: «A zona monumental (non me gusta nada que se lle chame casco vella) é o máis identitario e simbólico. Se a comparamos co urbanismo do resto da cidade a partir dos anos 50, todo o demais ten moi pouco interese».

Cando Xaime Toxo instalouse en Pontevedra, alá por 1982, «chamoume moito a atención a zona do río, das xunqueiras, o que hoxe é a Illas das Esculturas e os salóns do Lérez ata o convento de San Bieito, que tiñan dunha beleza asombrosa (hoxe en día moito mellor, claro) a pesar de pasar por uns anos de abandono. Iso chamoume moito a atención, porque eu viña de pasar unha temporada en Londres, que vive en torno ó Támesis e as súas canles, e sorprendeume que aquí os espazos naturais estivesen tan esquecidos e tan degradados».

En canto á transformación que vivíu a cidade co gallo da peonalización, o escritor é contundente: «Foi altamente positiva. O modelo urbanístico de Pontevedra é o modelo por excelencia, é un modelo a copiar, multipremiado e que se estuda internacionalmente. Atrae a persoas de fóra para coñecelo e se empeza a imitar en moitas cidades. Dende que goberna a actual Corporación, o cambio foi espectacular cara a millor. E hai que felicitalo polos seus logros».

Neste sentido, engade que «a cidadanía de Pontevedra está moi contenta e moi orgullosa da súa cidade, que pasou de ser unha gran descoñecida a empeza a ser un referente no campo urbanístico como cidade residencial construida á medida dos seus habitantes. A eliminación de barreiras arquitectónicas é importantísima, porque dalle unha visibilidade fundamental á cidade».

Pero o cambio, segundo afirma Toxo, non foi só estético. Tamén tivo o seu impacto social. «A xente achegouse máis á zona monumental para descubrila, vivila, disfrutala...»

Pola contra, a asignatura pendente de Pontevedra é, dende o punto de vista do intelectual, é buscar unha zona de esparcimento baixo unha paisaxe natural, «que pode ser perfectamente a zona do río, ligada ó campus universitario e ampliala todo o posible. Deberíase actuar conxuntamente coa recuperación da Xunqueira de Alba. Creo que vincular a cidade ó seu entorno paisaxístico natural e rural é moi importante e fundamental. Non hai que esquecer que Pontevedra foi unha cidade de xunqueiras, pero moitas delas se perderon e as que quedan se deben manter como unha verdadeira xoia natural».

Referente

Pontevedra é, hoxe en día, a cidade con maior dinamismo cultural de Galicia»

Urbanismo

Coa chegada do BNG ó Concello, Pontevedra pasou de ser unha gran descoñecida a empezar a ser un referente como cidade urbanística construída á medida dos seus cidadáns»

Unha infancia moi marcada polo mar

«Nacín en Bueu e a casa dos meus pais estaba arrentes da praiae por iso tiven unha infancia moi mariñeira, á carón das gamelas, das dornas, dos traballadores do mar... De feito, en moito do material que teño escrito continuamente aparece de fondo o mar». Xaime Toxo lembra que na súa etapa de neno «pasabamos moito tempo fóra das casas, a vida era máis comunitaria do que é hoxe en día, moito máis interxeneracional... A relación dos nenos de agora é moito máis cos seus pares, pero nós, daquela, tiñamos unha relación máis natural e espontánea».

Os xogos tradicionales tamén tiñan un gran protagonismo: «Nos recheos gañados ó mar xogabamos ó fútbol, ó brile, ás buxainas, a facer cuadrillas...»

Comentarios