Un paseo por Vilanova de Alba

Marentes e masóns protagonizan o roteiro literario por Pontevedra de Víctor Fernández Freixanes

Víctor Fernández Freixanes co seu libro diante da porta da Basílica de Santa María. RAFA FARIÑA
photo_camera Víctor Fernández Freixanes co seu libro diante da porta da Basílica de Santa María. RAFA FARIÑA

Vilanova de Alba é Pontevedra. "Non estritamente porque, á fin e ao cabo, é unha ficción, un delirio fantástico. Pero é Pontevedra". Pola vila na que Víctor Fernández Freixanes ambientou a súa novela de 1982, O triángulo inscrito na circunferencia (Premio Blanco Amor), transcorreu onte o último dos Paseos pola Pontevedra literaria deste ano. Como na obra do actual presidente da Real Academia Galega (RAG), mareantes e masóns foron centrais no percorrido.

Acompañado por un grupo do que formaban parte, entre outros, escritores como Adolfo Caamaño ou Eva Mejuto, libreiros como Xaime Corral e Manuel Seijas, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Sarmiento, Fernández Freixanes comezou o seu roteiro na Basílica de Santa María. "Vilanova de Alba é a capital do mar. Por iso comezamos aquí. Por iso e porque Pontevedra está asentada sobre dous castros: o de Santa María, no que comezamos este paseo, e o de San Francisco, no que o remataremos".

O presidente da RAG adicou a primeira parte do percorrido ao Gremio de Mareantes. Detívose na fachada principal da basílica, obra de Cornelis de Holanda, e nos seus relevos. "A pedra fala. Daquela non había libros. A fachada contaba unha historia". Parouse asimesmo nalgúns dos detalles que máis chaman a atención da construción, como a figura de Cristo á esquerda do pai (en vez de á dereita) ou a de San Xerome con anteollos. "Pero a cousa está en que a Basílica de Santa María non é dos curas, é do Gremio de Mareantes. E chegou a haber un pleito por esta razón".

O grupo que realizou o percorrido. RAFA FARIÑA

A presenza de Colón no templo tamén lle valeu a Freixanes para falar do navegante e para reivindicar tanto un debate sobre a súa procedencia como o traballo de Celso García de la Riega. "Dende logo existe documentación abondo como para plantarlle cara á teoría xenovesa. Non é ningunha parvada".

SALAS PECHADAS. Seguindo coa importancia do Gremio de Mareantes na historia da cidade e na súa novela, o escritor pontevedrés lamentou non poder acceder ás salas que se lle adican no Museo, pechadas ao público por obras dende 2013. "O director da institución, Carlos Valle, e a Deputación teñen pechado iso dende hai catro anos. Cando se reabran, convídovos a visitalas e ir máis alá do camarote de Méndez Núñez".

Igualmente, Freixanes referiuse á importancia do Gremio de Mareantes lembrando o inicio de La saga/fuga de JB, de Gonzalo Torrente Ballester, obra na que o trasunto de Pontevedra é Castroforte de Baralla. "¡Veciños, veciños, roubaron o Corpo Santo!", comeza. A Confraría de Mareantes é a do Corpo Santo, a de San Telmo, segundo lembrou o presidente da RAG.

Non foi a única vez que o autor citou a Torrente nun paseo salpicado de citas e anécdotas sobre este escritor, sobre Valle-Inclán e sobre outros personaxes. "Torrente escribiu unha vez nun artigo que Pontevedra era unha novela en si mesma. E é efectivamente todo un microcosmos, porque todo está aquí".

Tras abandonar Santa María, Freixanes dirixiuse á casa de Valle-Inclán e dende aí, pola rúa Charino, ata o Teatro Principal, onde se detivo de novo para falar da masonería e das loxias en Pontevedra. "Esas sociedades secretas tan de moda a comezos do século XX estaban moi relacionadas coas sesións de espiritismo e co ocultismo". O guía explicou que en Pontevedra ficaban aínda símbolos dos masóns á vista. O edificio do Arquivo Histórico Provincial é un exemplo. Outro, a vivenda que está enfronte do Principal, no que se pode ver unha estrela. "Unha estrela de cinco puntas que se ten a principal cara arriba, como é o caso, representa o ser humano como centro do universo, o ben. Cara abaixo representaría o mal".

Comentarios