Unha cita coa hípica en Campañó

Un dos cabalos que participaron na gala hípica do ano pasado (Foto: Javier Cervera-Mercadillo)
photo_camera Un dos cabalos que participaron na gala hípica do ano pasado (Foto: Javier Cervera-Mercadillo)

PONTEVEDRA. O hipódromo de Campañó acollerá este domingo a quinta edición da gala hípica Virxe Peregrina. Dende as once da mañá, o hipódromo albergará un concurso morfolóxico de cabalos en varias categorias. Trátase de valorar a estampa e a beleza de cabalos, eguas, poldros e poldras (ata os dous anos de idade) cruzados, pura raza árabe e pura raza española.

Está prevista a participación neste certame dun cento de animais de distintas razas, que pasearán polos catro mil metros cadrados do recinto mentres son valorados polo xuíz estatal Fernando Roca. Este experto analizará os cabalos, que proveñen de distintos lugares de Galicia, ata as 20.30 horas, cando está previsto o remate da exhibición e a entrega de premios.

Haberá ata 4.500 euros en metálico e trofeos para os tres primeiros clasificados en cada unha das distintas categorías. As cualidades que se terán en conta son, principalmente, a beleza das bestas e os seus movementos. Todos os participantes deberán exhibirse a paso, a trote e a galope.

O espectáculo é de balde para todas as persoas que se queiran achegar o domingo ata Campañó. O evento está organizado pola Asociación Cabalar en colaboración coa Comunidade de Montes de Campañó (propietaria do hipódromo) e do Concello.

Comentarios