Verísimo Pazos Besada: «A heroína matou ao chiquiteo»

ADOITA dar longos paseos pola cidade «porque me gusta moito camiñar», o que lle permite ser un gran observador de moitos recunchos de Pontevedra. Verísimo Pazos Besada, de 73 anos, é natural de Raxó pero séntese pontevedrés de adopción. «As miñas primeiras lembranzas son no Mercado vello (no que xa demoleron), sentado nunha bancada na Praza do Peixe».

Daqueles primeiros anos da súa infancia, recorda que «sadoitabamos movernos moito pola zona monumental: Cinco Rúas, San Xulián, o antigo Matadeiro... Tamén me lembro de ir xunto o lavadeiro da Seca a por follas de moreira para os gusanos de seda, que daquela estaban moi de moda».

Naqueles tempos, Pontevedra era, basicamente, o espazo que hoxe en día ocupa a zona monumental. «O demais eran hortas de leitugas, cebolas, sandías... Benito Corbal remataba en Sagasta e de aí para arriba só había catro casas na que entón se chamaba rúa Progreso. A vía principal era a Rúa Real, ata que fixeron o Mercado novo, e entón pasou a selo Don Gonzalo e César Boente, porque era por onde baixaba a xente».

Verísimo Pazos é un amante da boa mesa e lembra que «había unha gastronomía especial, memorable... eran locais ós que ía toda a cidade, non había diferencias entre clases sociais, entre señoritos e traballadores. Como se adoitaba dicir, Pontevedra era de señores de bar e nécora».

O principal entretemento dos mozos era o fútbol, xa daquela. Pero tamén se xogaba ó trompo, á billarda... Cada barrio tiña a súa propia especialidade. «Lémbrome moito do ‘jiribaco’, que era un xogo cun círculo no chan e había que saír correndo; das carreiras do pano... Os xogos eran atletismo puro. Coido que naquel tempo habería rapaces que nada tiñan que ver co deporte federado, pero que podían facer os cen metros tan rápido como calquera... Había moito xogo físico, nada da tecnoloxía de hoxe en día. E tamén se fomentaba moito a creatividade, porque dun taco de madeira ou dunha lata xa facías un xoguete».

Chiquita e pincho

O actual presidente da Federación Castelao foi medrando e, con el, dun xeito paralelo, tamén o facía a súa cidade. Comezou a deixar a un lado os xogos de cativo e adicouse a outro tipo de actividades sociais. «Eu era un amante de visitar aqueles sitios onde pedías unha chiquita (xeralmente, un ribeiro) e che daban un pincho moi xeitoso: O Tilve, na rúa San Xulián; Casa Fernández, que hoxe é o Parvadas; Titón; Abeledo, no Cisne...»

A zona vella tivo a súa época dourada co chiquiteo, segundo el mesmo destaca. «Era habitual ver á xente percorrendo bares como A Navarra para tomar o seu chiquito». Verísimo Pazos chama a atención sobre unha circunstancia cando menos curiosa: «Ata os anos 50 e 60, a xente básicamente bebía viño, pero logo chegou a Coca-cola, os refrescos... e a cervexa. Antes, nos bares, se pedías unha cervexa tiñas que escoller entre unha Águila negra (que era de Oviedo) ou unha Cruz Blanca. E a partires desa data entraron no mercado Damm, San Miguel, El laurel de Baco...».

A pesar de que a clientela diversificou os seus gustos, «penso que Pontevedra segue a ser unha cidade de chiquiteo, aínda que o viño non sexa o protagonista. Digamos que se conserva o costume de xuntarse para tomar algo nos bares, charlar e pasear. Se un da un paseo pola periferia da cidade aínda se pode ver xente tomando os seus cortos, as súas chiquitas e ‘facendo a ronda’».

Unha das páxinas máis negras na historia da zona monumental chegou a finais dos 60 e principios dos 70, cando se puxo ‘de moda’ a heroína. Moitas das tradicións sociais do momento víronse seriamente afectadas, ata o punto de desaparecer. «A xente foi desprazándose cara outros lugares e foise perdendo o costume de ir tomar algo ós bares. A droga acabou matando o chiquiteo na zona monumental», sentencia.

O deporte tamén xogaba un papel moi importante na vida social dos mozos da época: «Iamos xogar ó baloncesto a un pavillón que había ó carón das galerías da Oliva, por detrás de onde hoxe está o BBVA, que era onde adestraba a Ximnástica». Porque daquela, o que hoxe se coñece como Centro Galego de Tecnificación Deportiva (antes, Estadio da Xuventude), «era tan só un recheo do borrón, do basureiro, pechado cunhas lascas verticais de pedra da Goulla».

Pazos lembra que naquela ampla parcela, «cando eu tiña 14 ou 15 anos (a mediados dos 50), veu o Circo Americano a Pontevedra. Tiña tal despregue de furgóns con animais e materiais que non atopaba espazo para instalarse. E levantouse nese recheo».

Presente

Hoxe en día, ó Verísimo Pazos adulto gústalle camiñar por toda Pontevedra, sobre todo pola zona monumental. «Pero tamén gozo con zonas como Santa Clara, Cruz Vermella, a Milla de Ouro, O Marco, a avenida de Lugo... Para min, un dos paseos máis bonitos que se poden dar por Pontevedra é polas beiras do Lérez. Tamén me encantaba achegarme ata a Alameda para ver as postas do sol sobre a ría. Falo en pasado porque agora, con tanto edificio, se as queres ver tes que baixar ata a pasarela da avenida de Marín».

Outro dos seus lugares favoritos é a praza de Barcelos. «Gústame sentarme de cando en vez e observar o algareo dos nenos. Pero boto en falta que non teña aínda un quiosco ou un lugar onde sentarse a tomar un refresco ou unha cervexa. Algo parecido ó que se fixo na Praza da Liberdade».

Verísimo Pazos matiza que «Pontevedra non é só a zona monumental. Temos a zona monumental máis coidada de toda España e vendémola moi ben. Pero a periferia tamén é preciosa. Dar un paseo por Fernández Ladreda, Beiramar, as ribeiras do Lérez, Marcón, as parroquias...».

Asegura también que, «por exemplo, cando se fala de Lourizán só se fai referencia ó negativo: Celulosas, a depuradora e o tren pola Praza dos Praceres; pero Lourizán ten vistas deliciosas que moitísima xente descoñece. A zona monumental é o símbolo, a insignia da cidade. Está claro. Pero habería que vender mellor todo o conxunto da cidade. E outra cousa: Pontevedra é a cidade galega que ten máis metros cadrados de zonas verdes por habitante: a Alameda, os Xardíns de Vincenti, as Palmeiras, O Gafos, o barrio de Campolongo... Habería que facerlle un monumento ó arquitecto que deseñou este espazo».

Comentarios