A Xunta de goberno aproba as expropiacións dos terreos de Pasarón

Os terreos das inmediacións do estadio de Pasarón voltan á actualidade municipal logo de que a Xunta de Goberno celebrada onte dese luz verde ás súas expropiacións. A urbanización da Unidade de Actuación Número 20, como se coñece administrativamente, leva anos estancada polos desencontros entre propietarios e administración e sendo obxecto de críticas ao Concello por parte dos veciños e da Deputación.

A terceira valoración dos terreos foi aprobada onte por un importe superior a un millón e medio de euros. Unha cifra que supón máis de seiscentos mil euros de diferencia coa primera valoración tasada polo Concello.

O voceiro do goberno local, Raimundo González, recordou que este é un proxecto que se iniciou hai anos coa presentación das follas de aprecio coas que os expropiados non estaban conformes e, como consecuencia, ''fíxose unha contradictoria que discrepaba moito da inicial e houbo que facer unha terceira valoración''.

Esta última tasación é a que ven de aprobarse por importe de 1.552.000 €. En total son once as unidades obxecto de expropiación. Segundo González, os propietarios das parcelas recibirán nos vindeiros días as novas follas de aprecio e, dende ese momento, contaránse vinte días para que presenten as súas alternativas, o Concello lle contestará ''e a partir de ahí xa pasará ao Xurado Provincial de Expropiacións''.

Oferta

O voceiro do goberno fixo pública a oferta que se lle fai á propietaria da unidade número 7, unha das que máis fortemente opuxo resistencia a recibir a indemnización tasada polo Concello (por considerar que o valor da súa propiedade era moi superior). González indicou que ofrécenselle dúas posibilidades. Por unha banda, unha indemnización económica que ascende a 151.598 euros (fronte aos pouco máis de 43.000 euros da valoración anterior). Por outra, unha vivenda municipal situada no terceiro piso dun edificio de funcionarios municipais situado no entronque da Praza de Valentín García Escudero, a rúa Serra e avenida de Bos Aires. O nacionalista indicou que esta vivenda está ''totalmente reformada e adecentada» e reúne «unhas boas condicións de habitabilidade''. Neste sentido, González explicou que o Concello gastou 50.000 euros en reparala.


Comentarios