"Todos estes nenos teñen interiorizado que compostar é o correcto"

Sete centros participaron este martes no II Congreso Escolar de Educación Ambiental sobre Compostaxe promovido pola Deputación

Os nenos foron os encargados de presentar os seus proxectos. O. FERNÁNDEZ
photo_camera Os nenos foron os encargados de presentar os seus proxectos. O. FERNÁNDEZ

"Se aos nenos lles custa moito utilizar os composteiros do colexio? Ao contrario. A implicación é total. De feito, o proceso de compostar forma parte das súas rutinas. Nace deles facelo porque xa teñen interiorizado que é o correcto".

Así o explicaban Fátima Mateo e José Manuel Diz, mestres do CEIP Noalla-Telleiro, un dos sete centros educativos que este martes participaron no II Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe organizado pola Deputación de Pontevedra, co deseño e a supervisión do Ceida, ao abeiro do Plan Revitaliza.

No CEIP Telleiro este é o segundo ano que estamos compostando as merendas e os restos do comedor

Ao longo do curso esta iniciativa percorreu numerosos colexios da provincia para dar a coñecer pautas sobre o manexo dos residuos urbanos e, especialmente, da fracción orgánica do lixo, e este martes foron os propios rapaces os encargados de expoñer os proxectos de compostaxe que están desenvolvendo nos seus colexios e institutos. "No CEIP Telleiro este é o segundo ano que estamos compostando as merendas e os restos do comedor, porque acoplamos o Revitaliza ao que xa viñamos facendo no centro. Todos os días os encargados de cada aula levan o lixo orgánico aos composteiros e o compost que se vai xerando empregámolo na horta do colexio, na que temos cenorias, patacas, acelgas, leitugas e moitas outras verduras", explicaron.

"Ademais de implicarse e concienciarse eles mesmos sobre este proceso, o bo do proxecto tamén é que os cativos transmiten estes valores nos seus fogares. De feito, levaron mostras de compost para as casas e trouxeron plantas para a horta. A Anpa tamén é moi colaboradora. Ademais de compostar, queremos incidir na necesidade de reducir os refugallos", sinalaron os mestres de Noalla.

Os nenos do CEIP Enrique Barreiro Piñeiro de Vilariño involucráronse moitísmo desde o primeiro día e son moi responsables

O CEIP Enrique Barreiro Piñeiro de Vilariño (Cambados) foi outro dos participantes co traballo "Que apostamos a que compostamos?".Segundo precisou a docente Cruz Alonso, alí "os nenos involucráronse moitísmo desde o primeiro día e son moi responsables. Eles mesmos recollen os seus restos das merendas e do comedor e van polas aulas de Infantil facer o mesmo e con moito coidado. Se ven un anaco de papel de aluminio ou calquera cousa así, avisan. Para o ano temos un proxecto de horta escolar no que utilizaremos o compost para completar o círculo".

Ademais, os cativos supervisan os composteiros e estudan a súa microfauna e, co fin de achegar os obxectivos a toda a comunidade, realizaron unha actividade específica para as familias: un estudo estatístico sobre o coñecemento do compost e una campaña informativa para promovelo.

Os alumnos de Sexto do CEP Plurilingüe de Riomaior levaron acelgas cultivadas na horta do centro utilizando o compost para vendelas no mercado escolar

No CEP Plurilingüe de Riomaior (Santa Cristina de Cobres), o nome do seu proxecto xa é un bo resumo do mesmo: "Todos xuntos mellor". Beni Iglesias é a titora de terceiro curso e, segundo sinalou, neste centro "levamos anos traballando sobre este tema". Ademais de reciclar e reutilizar, outro dos obxectivos nos que están concienciando aos alumnos é a redución dos residuos e, para iso, este colexio levou a cabo unhas xornadas de almorzos saudables con produtos naturais e evitando os envasados en plásticos. "A maiores, aproveitando que este cole participa tamén no programa DepoEmprende na Escola, os alumnos de Sexto levaron acelgas cultivadas na horta do centro utilizando o compost para vendelas no mercado escolar organizado recentemente pola Deputación", engadiu a mestra.

O CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira foi outro dos asistentes ao congreso deste martes. A profesora Marga Faílde sinalou que alí o proxecto implica a todo o colexio. "Os alumnos de primeiro e segundo curso traballan sobre a importancia de reciclar papel, os de terceiro crearon un anuncio para promover os obxectivos nas casas, os de cuarto deseñaron un cartel que explica o que se pode meter nos composteiros e o que non, os de quinto estudaron os bechos que se crían nos composteiros, os de sexto emitiron un artigo para publicar na prensa e os de Infantil fixeron un sementeiro de pementos usando o compost. Ademais, temos "patrullas de patio" que, entre outras tarefas, incluso multan a quen tire papeis ou outros refugallos indebidos nos composteiros e fan fotos do ben feito e do mal feito sobre a compostaxe".

A listaxe de centros que tomaron parte no congreso promovido pola Deputación completouse co Colexio Plurilingüe San Fermín de Caldas de Reis, o IES Terra de Turonio de Gondomar e o IES Luís Seoane de Pontevedra. Este último realizou un ensaio sobre dous procesos de compostaxe diferentes para constatar os distintos resultados e optimizar o proceso. O proxecto inclúe a medición de parámetros como o peso, a humidade, a temperatura e outros, así como a toma de conclusións e o aproveitamento didáctico desta información.

"Os cativos, un dos puntais do Plan Revitaliza"
 Os encargados de inaugurar o congreso foron os representantes do Goberno provincial; o director do Ceida, Carlos Vales, e o alcalde de Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente provincial e impulsor do Plan Revitaliza, César Mosquera, destacaron que os cativos e os mozos son "un dos puntais" do programa de compostaxe. O nacionalista engadiu que "a difusión da compostaxe entre os escolares é un dos feitos máis relevantes deste plan, porque supón actuar nas escolas para o presente e para o futuro".

 

Comentarios