CULTURGAL

"A cultura é un motor"

A Feira das Industrias Culturais de Galicia inicia a súa XI edciión reinvindicándose como proxecto colectivo exemplar

O artista Ricardo de Campos realiza unha intervención de pintura ao vivo no Culturgal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O artista Ricardo de Campos realiza unha intervención de pintura ao vivo no Culturgal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"A nosa cultura volverá dar aquí o mellor de si mesma", comezou dicindo o presidente da asociación Culturgal, Víctor López. "Superamos a década e penso que cumprimos as expectativas". A Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se inaugurou este venres no Recinto Feiral de Pontevedra, onde se celebrará ata este domigno, conta con repetir os números do ano anterior e recibir arredor de 15.000 visitantes. As outras cifras que manexa tamén son as mesmas que nas últimas edicións: unha programación de máis dun cento de actividades, 80 empresas e institucións presentes e arredor de 120 expositores. Entre as novidades: un novo Espazo Gastro, a posta en marcha dun servizo de autobuses dende distintas cidades galega e a venda dixital de todas as entradas.

"Esta é a feira das feiras, a referencia por antonomasia do noso sector creativo, que tamén é un importante sector empresarial", dixo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a inauguración do evento. "Cada ano vai á máis e dende a Xunta entendémola como vital. Somos o seu principal patrocinador", engadiu en referencia aos 65.000 euros que achega a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O orzamento total de Culturgal é de 165.000 euros.

Tanto o presidente da asociación que organiza a feira (e que agrupa a cinco colectivos: Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Empresas Musicais, Eganet e Agapi) como o conselleiro insistiron en resaltar o carácter exemplar desta proposta como proxecto colectivo. Tamén o dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores: "O máis importante é que estamos colaborando aquí todas as institucións". "Sen interferencias nin inxerencias", apuntoulle Román Rodríguez. Lores tamén se dirixiu directamente ao conselleiro para indicarlle que "a cultura galega dá para máis PIB e para máis profesionais". Xusto antes, Rodríguez lembrara que a industria cultural supón o 3% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e dá traballo a 30.000 profesionais.

"A cultura é un motor en distintos sentidos", indicou no seu discurso o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. "Pero a protagonista aquí é a xente que consume cultura galega todo o ano. Temos que facer que siga medrando, que o público milite na cultura galega e que veñan moitos Culturgal máis".

XACOBEO 21. As tres institucións que patrocinan o evento: Xunta, Concello e Deputación, que contan con stands propios na feira, anunciaron que aproveitarán a fin de semana para avanzar parte do que será a súa programación cultural dos vindeiros meses. "Aquí exporemos as nosas principais liñas de traballo, como a do Xacobeo 2021", dixo Román Rodríguez. Xa o fixo onte, cando se presentou oficialmente a convocatoria aberta de proxectos O teu Xacobeo, que abre a axentes culturais, sociais e económicos de Galicia a posibilidade de introducir propostas na programación do Xacobeo.

A primeira xornada de Culturgal, marcada pola presenza de actividades concertadas con escolares e por propostas específicas para os profesionais, pechouse coa preestrea da obra Sofía e a postsocráticas, de Inversa Teatro, no Pazo da Cultura.

"A cultura efectivamente é un motor. Tamén económico. Por iso ten que acabar chegando a todos os recunchos. Todos os eslabóns son necesarios, do creador ao consumidor pasando polos intermediarios. E todos eles se ensamblan aquí, no Culturgal", dixo o conselleiro de Cultura. "Só queda animar a que se consuma cultura. Porque este é un sector estratéxico e vital para o país".

Comentarios