Os "anaquiños da alma" de María Victoria chegan ás aulas coa Primavera das Letras da RAG

Pontevedra acolle o primeiro acto público dedicado á autora homenaxeada o 17 de maio

O alumnado que participou nas dramatizacións xunto ás autoridades presentes no acto deste xoves. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alumnado que participou nas dramatizacións xunto ás autoridades presentes no acto deste xoves. GONZALO GARCÍA

"A mellor homenaxe que podedes facerlle é ler os seus libros. Neles atoparedes anaquiños da súa alma", afirmou Fina Casalderrey no acto que a Real Academia Galega (RAG) celebrou este xoves no CEP Marcos da Portela para presentar Primavera das Letras, un proxecto web dedicado a María Victoria Moreno, a protagonista do Día das Letras Galegas 2018. A RAG elixiu Pontevedra, a cidade na que a autora nacida en Estremadura se namorou de Galicia e da súa lingua, para celebrar o primeiro acto público da programación deste ano. Non en van, recoñece a importancia do seu labor docente para "termar da lingua" desde a infancia.

Se María Victoria Moreno destacou como escritora, tamén o fixo na docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Primavera das Letras fornece o profesorado de Infantil e Primaria, ás familias e ao propio alumnado de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.

A directora do colexio, Alicia Martínez, salientou a admiración cara a María Victoria Moreno pola "súa paixón, o compromiso e a defensa a ultranza da lingua galega en tempos realmente difíciles". A continuación interviron o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, e a académica Fina Casalderrey, para presentar o proxecto.

ENTUSIASMO. Ao entusiasmo dos mestres, como o de Moreno, e á súa importancia referiuse tamén Freixanes. "Aí está o corazón do futuro. A docencia consiste en comunicar emocións, comunicar coñecementos, comunicar valores, ser quen de compartir cos rapaces e rapazas unha maneira nova de ver o mundo. Nova quere dicir máis democrática, máis nosa. E, naturalmente, nesa viaxe está a nosa lingua", expresou. Primavera das Letras é tamén un xeito de visibilizar estas achegas docentes a través do concurso Contádenos o voso Día das Letras. Na primeira edición, celebrada en 2017, máis de 80 centros educativos amosaron o traballo que desenvolveron arredor da celebración do 17 de maio co seu alumnado, propostas cheas de "creatividade, entusiasmo e entrega das docentes", subliñou.

Primavera das Letras (primaveradasletras.gal) é unha iniciativa que Casalderrey definiu como un xeito de "abrir as portas da Academia á xente nova e aos mestres e mestras", porque "sabemos que onde máis se terma da fala é desde os primeiros anos, e tamén sabemos canto traballo hai dos mestres e as mestras". Desde agora ao 17 de maio, cando Pontevedra acolla o acto central da RAG, iranse incorporando novos contidos.

Actuacións: Do pregón de 2003 á Cantiga

Varios grupos de alumnos de distintos cursos do CEP Marcos da Portela protagonizaron a segunda parte do acto cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde os versos de Cantiga (Elexías de luz) a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003 e o "dereito inalienable a falar en galego".

Familia: "Estuvo olvidada muchos años"

O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno, e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnado, membros da ANPA e representantes doutros centros educativos. "Foi un acto precioso e moi emotivo –subliñou Llácer–. Sentímonos moi orgullosos e ilusionados". "Va a ser un año muy emocionante", apuntou Ferriol. "Pese a ser pionera, estuvo olvidada muchos años".

 

Comentarios