A edición "máis accidentada" do Galegote: "Así é o rock and roll"

O Galegote Rock plántalle cara ao mal tempo e á carreira ciclista Rogelio Acuña para impoñer a música en galego en directo na Pedreira

Público en la Praza da Pedreira. JAVIER CERVERA MERCADILLO
photo_camera Público en la Praza da Pedreira. JAVIER CERVERA MERCADILLO

Tivo que facerlle fronte á chuvia. E tivo que facerlle fronte aos cortes de rúas aos que obrigou a celebración da carreira ciclista Rogelio Acuña. Con todo, o Galegote Rock saíu airoso. "Así é o rock and roll", sinalaba o coordinador do festival, Marcos Rivas.

A edición "máis accidentada" deste festival de música en galego tivo que variar o seu emprazamento debido ao mal tempo. Así, no canto de irse celebrando os concertos, tal e como estaba previsto, por distintos puntos do centro histórico ao longo de todo o día, todos tiveron lugar na Praza da Pedreira, onde se instalou unha carpa. Por alí foron pasando, dende o mediodía e ata a noite, Son da Rúa, Cinta Adhesiva, DJ Sr. Fiuza, Espiño, Esposa, Ataque Escampe, The Lely Kelly"s, Os Amigos dos Músicos, Dakidarría (acústico) e DJ Manuele Caamagno.

Ataque Escampe no Galegote. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Complicóusenos un pouco todo, pero, aínda así, eu manteño que, tralo éxito do ano pasado, esta foi a mellor edición do Galegote, a que tivo un cartel máis potente, sen dúbida", explicaba Rivas. "Ao final, a deste ano é unha experiencia nova, que non ten nada que ver coas edicións anteriores. Dalgunha maneira, tamén está guai facelo todo na Pedreira. Ademais, a pesar de todos eses inconvenientes que tivemos, o público respondeu. O cartel era espectacular e deixouse notar. A verdade é que este festival suma reto tras reto e sae adiante".

IDEA ORIXINAL. O único que lamenta o coordinador do evento é que non se puidesen probar novos escenarios como estaba previsto. "Porque, a verdade, é que esta idea que temos no Galegote de convidar a percorrer a zona vella descubrindo espazos distintos para escoitar música en directo, para min, é fantástica".

Segundo Marcos Rivas, as dificultades axudan a consolidar o Galegote como unha referencia. "O que máis mola de todo isto é precisamente mostrar que están xurdindo mogollón de bandas novas con estilos diferentes en Galicia. Podes atopar xente facendo funk, facendo trap, facendo indie, facendo hip hop... Está xenial. Ogallá o Galegote sirva tamén para descubrirlle estes grupos a outros festivais, aos clásicos, e que se decidan a apostar por eles nos seus carteis".

Comentarios