lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

O "bo ritmo" das obras na rúa Gorgullón permitiría rematalas en outubro

Colocación do pavimento na rúa Gorgullón. JAVIER CERVERA
Colocación do pavimento na rúa Gorgullón. JAVIER CERVERA
Os traballos súmanse á reforma urbana do Rouco, que pechará ó tráfico este luns

Os traballos de reurbanización da rúa Gorgullón avanzan "a bo ritmo", tal e como apuntou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, na súa visita de onte á zona. A reforma, incluída dentro da liña municipal de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso polo Concello, busca mellorar a calidade de vida dos residentes da rúa, así como o tránsito dos máis de 60.000 peregríns que cada ano pasan pola cidade.

Segundo explicou o concelleiro, a obra amosa un bo decurso, e "estará lista antes do inverno", mesmo apuntando á posibilidade de que sexa para o mes de outubro. Amais, sinalou que mediante esta intervención a rúa convértese "nunha zona nobre, que non desmerece a nigún outro punto da cidade, e o Camiño queda moi completo". Na actualidade estase a rematar a colocación de pavimento no tramo final da rúa, quedando o arborado, o mobiliario urbano e outros elementos para o remate da obra.

O proxecto da reforma inclúe unha plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, cambios na circulación da rúa e de dúas vías tranversais, a peonalización da rúa do Muíño, unha sinalización mediante cor e pavimento diferenciados no Camiño de Santiago, a renovación e redistribución do alumeado e o aproveitamento da obra para a incorporación e mellora de novos servizos como a rede eléctrica.

"Con esta intervención, Gorgullón convértese nunha zona nobre e o Camiño queda moi completo", apunta Gómez

A obra, cofinanciada con fondos Feder, adxudicouse á empresa E.C.Casas cun orzamento de 1.258.629,17 euros.

O ROUCO. As reformas da rúa do Rouco comenzaron o pasado luns coa apertura das gabias para a instalación das tubaxes dos servizos soterrados e demolición de beirarrúas. Pero non será ate os vindeiros luns e martes cando se teña que restrinxir o tráfico de vehículos, entre as 09.00 e as 20.00 horas. Porén, o acceso á praza de Barcelos estará permitido unicamente a os residentes, usuarios de garaxes e servizos, así como o estacionamento na mesma durante o peche.

As obras teñen un prazo de execución de catro meses, coa posibilidade de reducilo para tratar de axustarse ao inicio do curso escolar, a mediados de setembro, polo menos na zona máis próxima ao colexio de Barcelos.

Esta reforma contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos destinados á mobilidadde peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón para servizos e para colocar os colectores de lixo na marxe dereita, que terá un ancho de 3 metros. No lateral esquerdo a beirarrúa incrementase até os 5. A calzada será repavimentada, eliminaranse as barreiras arquitectónicas e aproveitarase tamén para renovar as redes pluviais e os sumidoiros. O orzamento de execución do proxecto sitúase nos 167.593,16 euros.

O "bo ritmo" das obras na rúa Gorgullón permitiría rematalas en...
Comentarios