"Despois do 8M volvín sorrir"

A coordinadora do volume colectivo 'Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo', Inma López Silva, xunto a outras seis autoras, presentou o libro ese xoves no Palacete das Mendoza

As autoras da obra e o público asistente, este xoves. RAFA FARIÑA (Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo presenada en Pontevedra)
photo_camera As autoras da obra e o público asistente, este xoves. RAFA FARIÑA

"De pequena chamábanme mandona por preguntar demasiado, logo repunantiña. Chegou un punto no que me cansei e comecei a dicir as cousas pero sen o sorriso habitual. Despois do 8M volvín sorrir". Así resumiu este xoves a xornalista Susana Pedreira que significara para ela a folga de mulleres que tivo lugar en 2018.

As autoras da obra Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo estiveron este xoves no Palacete das Mendoza para presentar a obra en Pontevedra. Deste xeito, a escritora e coordinadora do libro, Inma López Silva, estivo na cita xunto á xuíza Paz Filgueira, á xornalista Susana Pedreira, á libreira Mercedes Corbillón, á funcionaria Sarai González, á matrona Susana Iglesias e á estudante Sandra Núñez. Faltou a mestra Ana Fresco, que tamén asina a obra. Ademais, acompañaron ás autoras o director de Galaxia, Francisco Castro, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xa que a obra se publica na dita editorial coa colaboración do ente provincial.

As autoras explicaron como chegaron á folga do ano pasado e vaticinaron mobilizacións máis multitudinarias de cara ao vindeiro 8 de marzo. A irrupción de Vox no mapa político foi un dos aspectos máis comentados nas intervencións das autoras. Neste sentido, a xuíza Paz Filgueira aludiu á necesidade de empregar o sufraxio para facer fronte ás ideas retrógradas. "O voto é a nosa arma contra os machos. Máis que de extrema dereita eu falaría de mediocridade, e vencer aos mediocres non é tan difícil. Moito máis para nós que estamos afeitas aos retos", explicou.

Sarai González referiuse tamén á necesidade de poñer de manifesto que "ás mulleres énos imposible facer unha folga de coidados durante 24 horas", polo que reclamou a responsabilidade dos homes neste ámbito, tanto no que se refire aos fillos e fillas como a maiores e persoas dependentes.

Sara Núñez falou da súa experiencia como moza e estudante e explicou que "xa a empresa Pantone designou como a cor de 2018 o ultravioleta antes de que tivese lugar a folga". A matrona Susana Iglesias repasou todas as desigualdades que padecen as mulleres no ámbito da saúde, dende a violencia obstétrica á incapacidade de amamantar aos seus fillos ata os seis meses por permisos de maternidade demasiado curtos.

Pola súa parte, Mercedes Corbillón explicou a súa experiencia dende o punto de vista dunha autónoma e libreira. "Neste Nadal vendemos moitos libros sobre feminismo. Agardo que foran para homes", contou.

Comentarios