"Fixémonos cinéfilos á forza"

Miguel Anxo Fernández repasa en 'Conversas na Uvi' a súa traxectoria como mestre, o seu amor polo cine, a súa faceta de lector e de escritor e a historia de Frank Soutelo

Miguel Anxo Fernández e Chus Gómez, este xoves, na Casa das Campás. DAVID FREIRE
photo_camera Miguel Anxo Fernández e Chus Gómez, este xoves, na Casa das Campás. DAVID FREIRE

Non lle quedou máis remedio. Miguel Anxo Fernández, que foi neno nos anos 60 na vila do Carballiño, só tiña a opción de ir ao cine ou de ver o Arenteiro, o equipo de fútbol local, nas tardes dos domingos. "Fixémonos cinéfilos á forza". Explicábao este xoves nunha nova entrega do ciclo Conversas na Uvi, no que foi entrevistado pola xornalista de Diario de Pontevedra Chus Gómez, nun encontro que tivo lugar na Casa das Campás.

Profesor en Comunicación Audiovisual, crítico de cine, escritor. Esas son só algunhas das facetas do protagonista deste xoves na Casa das Campás. Na cita recordou como o amor polo sétimo arte se cultivou tamén no salón de Maruja, a única veciña con televisor no seu barrio, que lles deixaba ver aos nenos a "película das catro" e lles facía un postre chamado osos de santo.

A afección pola lectura chegaría despois. Fernández aínda recorda o primeiro libro que comprou, aos 13 anos, e que lle custou 25 pesetas. "Eu son tímido e a lectura e o cine servíronme de refuxio", contou onte. Tamén relatou como volveu da mili –"un ano e medio perdido, na miña opinión"– cunha maleta chea de libros para sorpresa da súa nai. "Coñecín a un compañeiro que era apaixoado da novela negra, comprei moitas e afeccioneime tamén", explicou.

Un dos grandes erros da cinefilia é a soberbia, como a dos que din que non ven cine americano porque lles parece pouco

A faceta de escritor chegaría máis tarde, xa preto dos 50 anos. Foi despois de crear na súa cabeza o personaxe de Frank Soutelo, o detective do que xa leva escritas seis novelas. Na cita deste xoves desvelou tamén a orixe do personaxe, que "non son eu". Soutelo é máis ben a madriña de Fernández, unha muller nada en Nova York. "Cambieille o sexo e a partir de aí creei ao personaxe", contou.

Sobre as próximas aventuras de Soutelo, adiantou que a novela estará relacionada co próximo Xacobeo e asegurou que aínda non ten un título definitivo. Tamén explicou que o detective dálle unha posición de privilexio no mundo editorial. "Podo ir publicando outras cousas porque queren seguir contando con historias de Frank Soutelo", dixo. É o caso de Luz para Moraima, a novela máis recente do autor.

Neste sentido, lamentou que "é preocupante que nun país de 2,7 millóns de habitantes só se consigan vender uns 1.500 exemplares de novelas". Do mesmo xeito, criticou o actual sistema literario "esquizofrénico" no que unha novela en galego se traduce primeiro ao inglés que ao castelán. Referíase ás entregas da saga de Frank Soutelo foron traducidas ao inglés.

É preocupante que nun país de 2,7 habitantes se vendan só arredor de 2.000 exemplares dunha novela; temos un problema

Pero se algo foi permanente en toda a traxectoria de Fernández foi o amor polo cine. Precisamente este xoves confesou acabar de ver unha película "horrible" para unha crítica. Malia todo, "a min gústame máis dicir que son comentarista, non crítico". Dixo que prefería non esaxerar nin as bondades nin as maldades dos filmes dos que escribe. "Un dos grandes erros da cinefilia é a soberbia", apuntou. Por iso recordou que el ve toda clase de cine e escribe sobre toda clase de películas, "non como esa xente que di que non ve cine americano".

Deste xeito, o respecto polo equipo de persoas que fan as películas é fundamental para Miguel Anxo Fernández e así llo transmite aos seus alumnos da facultade de Comunicación de Pontevedra, onde é profesor. Esa é a súa primeira vocación, tal e como explicou este xoves. "Eu son, ante todo, mestre, comecei dando clases na montaña de Casaio e aquí sigo", contou, á vez que recordou que, para el, o ensino é unha profesión vocacional.

Sobre o seu traballo nas aulas, contou que bota en falta que xente nova vexa máis cine clásico. "É moi recorrente crer que o que ves é a 'leche', cando moitas desas cousas xa se fixeron antes", explicou. "Os clásicos son os dos anos 20 e 30 e é importante ir ás fontes". Tivo tempo tamén para falar dalgúns dos retos da industria cinematográfica e máis da irrupción de plataformas como Netflix. A súa conclusión: "Os cines non desaparecerán".

Rafa Cabeleira conversará con Gerardo Lorenzo

O ciclo Conversas na Uvi, organizado pola Universidade de Vigo e Diario de Pontevedra, continuará o 26 de marzo coa charla entre o columnista Rafa Cabeleira e o empresario Gerardo Lorenzo.

A cita será na Casa das Campás ás 20.00 horas.

 

Comentarios