"Levamos demasiados anos sendo ‘contadas’ polos homes"

Diana López Varela estrea o sábado 5 de maio a súa primeira curtametraxe, Feminazi, "unha comedia romántica que deriva nunha comedia negra". Os actores Laura Míguez e Fernando González son os protagonistas do debut trala cámara da guionista pontevedresa

diana-feminazi
photo_camera Diana López Varela (esquerda) dirixindo aos actores Fernando González e Laura Míguez no set de rodaxe. ALICIA FRANCÉS

A Diana López Varela téñenlle chamado feminazi. "Moitas veces. Simplemente por opinar con liberdade defendendo os dereitos das mulleres", indica. O termo, que na Wikipedia se define como substantivo ou adxectivo usado pexorativamente contra mulleres as que se considera feministas radicais que non defenden a igualdade, serviulle á xornalista e guionista pontevedresa para titular a súa primeira curtametraxe. Estréaa o sábado 5 de maio á noite (21.00 horas) na sala Karma (entrada libre e gratuíta ata completar aforo).

"Feminazi é unha palabra que aínda escoce. Así que fixen unha parodia audiovisual sobre o que seguen pensando moitas persoas que é o feminismo", conta a autora, que neste caso exerceu de directora, guionista e produtora (xunto a Abella Creativa e Ladybug Films). "Intentei darlle a volta a ese insulto para, dalgunha maneira, empoderalo e que ese monstro, que está na cabeza de moitos homes, cobrase vida realmente".

Ao estilo Kill Bill ("encántame esa película, esta está feita case como unha homenaxe"), a protagonista da historia convértese nunha auténtica feminazi vingadora que se toma a xustiza contra o machismo pola súa man.

A curta, que trala estrea en Pontevedra buscará proxectarse tamén en Santiago e en Ourense, "antes de ter unha vida polos festivais e rematar colgada na rede", está protagonizada polos actores Laura Míguez e Fernando González, da compañía IlMaquinario Teatro. "Os dous metéronse de cheo nesta historia que comeza como unha comedia romántica e deriva cara unha comedia negra".

"España adolece de cómicas feministas. Non hai ningunha Malena Pichot, como en Arxentina, nin ningunha Amy Schumer, como nos Estados Unidos. Aquí todas somos politicamente correctas"

Unha das razóns polas que López Varela se animou a poñerse trala cámara en Feminazi ("a min o que me gusta é escribir, só dirixín esta curta porque era unha historia que sabía que ninguén máis ía querer facer") é porque lle apetecía dar a cara por un proxecto de humor negro. "Tiña moitas ganas de facer comedia. E deste tipo: comedia dura. Porque España adolece de cómicas feministas. Non hai ningunha Malena Pichot, como en Arxentina, nin ningunha Amy Schumer, como nos Estados Unidos. Aquí todas somos politicamente correctas. Por que? A min, que me encanta o humor negro, bótoo moito en falta".

Tamén bota de menos máis pasos adiante na loita feminista e non é moi amiga de falar de momentos históricos. "A loita ten que ser algo diario. É verdade que as mulleres facemos cada vez máis produción cultural, pero seguimos sendo poucas. Pouquísimas. Levamos demasiados anos sendo ‘contadas’ polos homes. Hai que cambiar iso. Protestar por Twitter é moi sinxelo. Saír á rúa un día tamén. Pero as mulleres debemos pelexar cada día. Por exemplo, por contar as nosas propias historias".

De No es país para coños a Memorias de un hombre en pijama
Vinculada dende os seus inicios como blogueira (suspensoenreligion.com) ao pensamento feminista, Diana López Varela (Barro, 1986) é guionista e colaboradora en diversos medios de comunicación, do Diario de Pontevedra a Jot Down. Actualmente traballa no programa Land Rober Tunai Show.

Teatro
Como autora, dentro do ámbito feminista, López Varela escribíu e dirixíu a obra de teatro No es país para coños en 2015.

Ensaio
En 2016, publicou o ensaio feminista do mesmo título que a obra de teatro en Península (do grupo Planeta). Vai pola súa quinta edición.

Columnismo
O ano pasado, xunto á xornalista Susana Pedreira, coordinou o congreso de columnismo feminino As mulleres que opinan son perigosas.

Cine
No pasado Festival de Cine de Málaga estreouse a película Memorias de un hombre en pijama, un film de Carlos Fernández de Vigo, baseado no cómic de Paco Roca, do que Diana López Varela foi guionista, xunto ao propio Roca e Ángel de la Cruz.

Comentarios