"No centro de compostaxe hai moito control do persoal técnico: estou moi contento"

Felipe Veiga sempre foi unha persoa concienciada coa reciclaxe, pero a súa relación coa compostaxe non comezou con bo pé, pois instalaron o composteiro comunitario debaixo da súa casa e preocupábanlle os posibles cheiros e molestias

Centro de Compostaxe comunitaria de Pontevedra. DP
photo_camera Centro de Compostaxe comunitaria de Pontevedra. DP

FELIPE VEIGA comezou hai algo máis dun ano a súa relación coa compostaxe. Ao principio era un veciño reacio ao proxecto, sobre todo porque puxeron o composteiro debaixo da súa casa e tiña medo a que xerase cheiros ou molestias. Sen embargo, meses despois asegura que non se producíu ningún problema, senón todo o contrario, que a compostaxe é un sistema moi interesante para colaborar na protección da natureza e que xera moitos beneficios.

Como empezou a súa relación coa compostaxe?
Empecei primeiro coa reciclaxe, como todo o mundo. Un pouco cos envases, co cartón... Apareceu a iniciativa da compostaxe e nun principio anoteime no concello e tardaron pouquiño en chamarme. A miña experiencia ao principio foi moi mala. Puxéronme o composteiro debaixo da casa. En principio si que estaba de acordo porque a min gústame reciclar e a idea gustábame, pero non que estivera debaixo da casa pola preocupación polos cheiros, por se a xente non o coidaba... Non sei canto tempo leva, pero máis ou menos un ano, e en principio non hai cheiros, como moito a terra mollada, pero non é desagradable.
A xente adoita ser reacia ante cousas que descoñece, non cre?
A xente é reacia ao principio, os veciños queixábanseme a min polo composteiro, polo tema de que está moi preto do edificio. Eu penso que podía estar noutro sitio que non fora baixo meu balcón (ri), pero unha vez posto, teño que recoñecer que a min non me cheirou ningún día; a xente pode estar tranquila con iso.
Supúxolle algunha complicación participar na compostaxe?
É moi sinxelo. Simplemente separar os restos orgánicos, levalos ao composteiro, facer un pequeno buratiño e tapalos cos restos da poda e de ramas, o chamado estruturante. A xente ten que se concienciar para perder un minutiño en tapar ben para que o composteiro funcione correctamente.
Parece sinxelo...
Si. É só separar a materia orgánica e despois vas ver como se reduce moitísimo o lixo que se xera. Se reciclas papel, cartón e cristal e despois a materia orgánica a levas ao composteiro, o lixo que queda é mínimo. Sáeche a factura do lixo máis barata e, inda por riba, danche o compost cando acaba o proceso.
E como valora o traballo dos mestres e mestras composteiros?
O que vexo é que hai moitísimo control, case cada día pasa por aquí un mestre ou mestra composteiro e están moi pendentes de que vaia todo ben, botan moito tempo alí analizando, lavando, limpando... Neste sentido estou moi contento. Son unha axuda importante, non? Si. Preguntan como vai todo, poñen moitas notas cando notan que algo non funciona como debería... Por exemplo, hai como seis contenedores e están pendentes de cambiar dun a outro a medida que se van enchendo. E se tes algunha dúbida, están aí para respondela.
Que lle di á xente para convencela dos beneficios da compostaxe?
Eu animo á xente a que recicle, porque é algo bo para todos. A compostaxe, concretamente, é unha forma sinxela de colaborar. Ademáis, verán como se reduce o lixo e, inda por riba, sae a factura máis barata. Non se me ocurre nada mellor.
A súa motivación para participar na compostaxe é ambiental?
Cos meus altibaixos, sempre estiven moi concienciado coa reciclaxe. A compostaxe non é algo complicado, só consiste en separar a materia orgánica, e fas un ben para todos.

Comentarios