"Non lle hai que facer mal a ninguén"

José Pérez Casalderrey, que acaba de cumprir 100 anos, recibirá unha homenaxe da súa familia e amigos o domingo 13 de xaneiro ► O home, que exerceu como alcalde de barrio de Lérez, foi ferido en tres ocasións na Guerra Civil e traballou en Porfirio Diz e en Tafisa

José Pérez Casalderrey, este xoves, coa candeas da súa tora de aniversario na súa casa de Lérez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera José Pérez Casalderrey, este xoves, coa candeas da súa tora de aniversario na súa casa de Lérez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

José Pérez Casalderrey naceu o 8 de xaneiro de 1919. "En Lérez. E aquí sigo. Tampouco me quedou outro remedio. Vivín aquí sempre. Onde ía ir eu? Penso que tiven moita sorte". Cen anos despois, a súa familia e os seus amigos estanlle organizando unha homenaxe en forma de xantar multitudinario na súa honra. O obxectivo é renderlle tributo a un home que foi criado pola súa avoa; que aos 18 anos foi reclutado para ir á guerra; que volveu á casa para aprender un oficio; que foi alcalde do barrio de Lérez entre a década dos 40 e a dos 50; que tivo nove fillos, e que traballou toda a vida "en dúas empresas das mellores: primeiro, Porfirio Diz, e despois, Tafisa, ata que pechou". E cando Tafisa botou o peche, Pérez Casalderrey pasou a traballar pola súa conta nun taller que tiña no baixo da súa casa de Lérez. "E aí seguín ata que non puiden traballar máis, aos 95". O carné de conducir mantívoo ata os 97.

"Antes en cada barrio había un alcalde", lembra o centenario. "Facía como de intermediario entre o que eran os veciños e o Concello". O home lémbrao como un traballo de responsabilidade un tanto ingrato. "Asinábanse os papeis para que a xente se xubilara, ocupábaste de que se rozaran os camiños, preocupábaste dos problemas da xente... Fun alcalde de barrio sete anos. E non gañei un pataco! Daquela non había cartos. Facíanse todas as xestións gratis. Pero os veciños eran moi boa xente. Había algún rebelde, pero ao final sempre viña ao rego".

Os veciños eran moi boa xente. Había algún rebelde, pero ao final sempre viña ao rego

Foi unha das etapas de máis movimento na vida de José Pérez Casalderrey, que coa súa dona, "unha muller moi boa moi boa", Clara Pérez, tivo nove fillos, un falecido. "Os outros oito andan por aí adiante. Viven moi ben". A súa compañeira de vida foi un puntal fundamental na súa vida. "Nunca fun máis feliz que con ela, rodeados dos fillos. Que bos anos!".

Ese é o momento que lembra con máis felicidade. O máis duro divídeo en dúas etapas diferentes: os primeiros anos, os da infancia, e os da guerra. "Cando era pequeno pasábase moita necesidade. Moita. Non había que comer". O seu pai morreu sendo el cativiño e a súa nai emigrou a América. "Crioume a miña avoa, Bernarda Bugallo". Con 18 anos cumpridos foi reclutado polo bando nacional na Guerra Civil e enviado á fronte. "Pasamos tres anos tirados por aí, tres anos perdidos. Aquilo foi unha desgraza grandísima". Foi ferido en tres ocasións. "Puxéronme un fusil na man e eu non sabía nin para que era. Tocáronme os peores sitios: Asturias, Teruel, Valencia...", lembra.

Con 18 anos mandáronme á guerra. Puxéronme un fusil na man e eu non sabía nin para que era. Aquilo foi unha desgraza grandísima

SEN PARAR NUNCA. Cando volveu a Pontevedra foi cando aprendeu un oficio e se puxo a traballar. "Non parei nunca".

José Pérez Casalderrey di que o que el aprendeu da vida, o que lle ensinou a experiencia, é a tratar de non facer mal. "O que eu aprendín da vida é que non hai que meterse con ninguén e que hai que tratar de facer as cousas o mellor posible para un e para os demais, para a familia e para os veciños. Hai que vivir tranquilo e en paz con todo o mundo. Non lle hai que facer dano a ninguén". Di que é a lección que lle deixa aos seus fillos. "Todo o mundo me quere ben. Podes preguntar por aí. Porque nunca me metín con ninguén. Axudei todo o que puiden a todo o mundo".

Cando eu era pequeno pasábase moita necesidade. Moita. Non había que comer  

Si que está preocupado polo mundo que lle deixa aos netos. "Non me atrevo nin a dicirche o que penso. Mira que vivín tempos complicados, pero este mundo de hoxe é terrible. Hai tanta pobreza, tanta delincuencia, tanta inxustiza... Estan as cousas moi mal". A primeira de todas elas, a política. "A metade dos políticos sobran". Non lle gusta a política? "Non me gusta nada! Os políticos non están para axudar a ninguén, só parecen preocupados en roubar todo o que poden".

Este mundo de hoxe non me gusta. Hai tanta pobreza, tanta delincuencia, tanta inxustiza... E sobran a metade dos políticos!

De cara ao futuro, o veciño de Lérez só pide unha cousa: "Que poida seguir vivindo como ata o de agora. Non pido máis".

Comentarios