"O Diario de Pontevedra forma parte de todos nós"

Ramón Rozas repasa a historia do xornal da capital da provincia na Casa da Cultura de Lérez

Ramón Rozas, durante a súa charla deste xoves en Lérez. DAVID FREIRE
photo_camera Ramón Rozas, durante a súa charla deste xoves en Lérez. DAVID FREIRE

A historia do Diario de Pontevedra é tamén a historia da cidade que lle dá nome. O crítico e columnista Ramón Rozas, responsable do arquivo do xornal, repasou unha e outra a través das portadas máis importantes da cabeceira. Fíxoo este xoves na Casa da Cultura de Lérez.

"A idea do amor-odio entre o Diario de Pontevedra e os seus lectores é moi acaída. Porque son eses mesmos que moitas veces o critican e o cuestionan, os que almorzan cada día con el e os que non entenderían nin o seu día a día nin a cidade sen este xornal", explica Rozas. "O Diario de Pontevedra forma parte de todos nós. Dende pequenos. E aínda que co paso dos anos un vaia compartindo a súa lectura coa doutros xornais, sempre sente que con el se mantén unha relación diferente, como familiar, con todo o que iso conleva".

O columnista explicou este xoves que é sinxelo falar dunha simbiose entre a cidade e o periódico. Segundo dixo, a súa historia vai en paralelo. "Dalgunha maneira, os mellores momentos do Diario de Pontevedra coinciden cos mellores momentos da cidade". A base de ver xornais e de traballar con eles, un decátase desa evolución á par, segundo comentou. "Por exemplo, cando Pontevedra é designada capital da provincia a finais do século XIX; xusto antes da Guerra Civil; os anos 60 e o cambio do século XX ao XXI son catro momentos moi importantes na historia da cidade que coinciden con catro etapas clave da cabeceira, cando se fai aquí un traballo periodístico moi por enriba dos xornais das súas mesmas características noutros lugares".

PEDRO RIVAS. Falando de portadas do Diario de Pontevedra, sempre se volve ás que facía Pedro Rivas como director. "Hai que volver sempre a elas porque constitúen un xénero case en si mesmas tanto na historia do propio Diario como en calquera repaso á historia do xornalismo en Galicia. Os seus titulares estúdanse nas facultades. Foron uns titulares moi sui géneris, que merecen sempre unha mención especial".

Á parte dese apartado adicado a Rivas, Ramón Rozas tamén mostrou outras portadas históricas do periódico. "Son como o notario de todo o que acontecía na cidade e mesmo sobre como se vía o que acontecía no resto do mundo dende aquí". Entre outras, puideron verse exemplos dalgunhas de finais do século XIX con textos de Valle-Inclán, a que recollía a morte do Ravachol, a que aparece coa esquela de Montero Ríos ou a da segunda edición que se imprimiu tralo asasinato de Kennedy. "Tamén me deterei nese momento no que o Diario desaparece, na guerra, en 1939. Deixa de publicarse ata 1962, un momento no que a cidade se decata de que non estaba completa sen un periódico propio e se acaba rescatando da man da Cámara de Comercio e coa axuda de Manuel Fraga".

A exposición de Rozas constituíu un percorrido histórico que chegou ata a actualidade. "Eu penso que nos últimos 15 anos o Diario de Pontevedra mudou completamente. E iso, como noutras ocasións, ten moito que ver co que mudou esta cidade nos últimos anos. Pontevedra ten hoxe moitísima vida na rúa, moitísimas inquedanzas culturais, dalgunha maneira descubriuse a si mesma. Eu creo que o Diario tamén pasou por iso cun cambio radical no deseño e nos contidos".

Comentarios