«O fácil era mirar para outro lado»

Un grupo de 16 estudiantes e unha docente do IES Luís Seoane forma Neofem, un equipo que logrou visibilizar situacións de machismo e violencia nas aulas, reflexo da sociedade

Carmen Mayán, segunda pola esquerda, con parte do grupo gañado. CEDIDA
photo_camera Carmen Mayán, segunda pola esquerda, con parte do grupo gañado. CEDIDA

PONTEVEDRA. «A idea xurdiu por que nos preguntamos que podiamos facer fronte á violencia machista que fixo que onte -polo pasado martes-, precisamente, estiveramos falando do premio e de que había catro mortas, dúas nenas asasinadas e tres nenos que quedaron orfos. Temos un problema moi grave. Que podemos facer? Ir ás causas, actuar desde o próximo, visibilizar aqueles micromachismos e condutas que fan que as relacións entre adultos non sexan sanas e deriven en situacións de violencia», explica Carmen Mayán, profesora de Xeografía e Historia e coordinadora do grupo Neofem Luís Seoane. O proxecto do mesmo nome, xestado no instituto de Monte Porreiro, gañou na categoría de Educación Secundaria e postobrigatoria dos premios Ernestina Otero 2018.

O equipo está formado por 16 rapaces e rapazas que cursan desde 3º de ESO a 2º de Bacharelato e se implican neste proxecto «no noso tempo libre. Está fóra de horarios, do currículum», subliña a docente. A única retribución, «a satisfacción que lles dá o compromiso de tentar facer algo».

Unha das achegas do galardón é «axudarnos a cumprir o obxectivo de difundir as nosas ideas e intentar concienciar ao maior número de xente posible sobre que este é un problema que arrinca desde a base, desde a educación. Non son feitos aillados, non é unha crónica de sucesos, é algo que ten unhas raíces e traballamos sobre iso».

A outra parte, 900 euros que serán «ben empregados», por exemplo, en actividades formativas. Ata agora traballaron sen recursos. «Recadamos fondos coa venda de camisetas e destinámolos á asociación de defensa xurídica e psicolóxica "Por todas"».

Neofem desenvolveuse ao longo do curso pasado no instituto grazas á implicación persoal destes estudantes contra a violencia machista. Primeiro debateron sobre o tema, para «tomar conciencia», xa que, subliña Magán, «no centro, igual que na sociedade, ás veces o máis fácil é mirar para outro lado». Despois desenvolveron varias campañas, que mesmo atoparon ampla repercusión nas redes sociais, como exposicións e enquisas. «Encontramos un altavoz muy grande desde el primer día, una capacidad enorme de llegar a la gente. Algunas de nuestras publicaciones tuvieron 2.800 visualizaciones», explica Pablo Abelleira, estudante de 1º de Bacharelato e secretario do grupo.

«As enquisas entre o alumnado foron moi reveladoras, xa que visibilizaron problemas na aula que non coñeciamos», apuntou a docente. Tamén saíu á luz «a importancia psicolóxica que ten para as alumnas a utilización da linguaxe inclusiva por parte do profesorado. Non é un tema só lingüístico». A iso súmase «a falta de referentes femininos no currículum que o propio estudantado fai notar, de científicas, de personaxes históricos, de escritoras...».

Unha das campañas máis soadas foi "Violencia é", derivada dun conflito que xurdiu nas aulas. «As propias rapazas viron como había unha serie de condutas por parte dalgúns compañeiros que non as facían sentir ben e que estaban demasiado afeitas a calar». A iniciativa axudou a desvelar eses micromachismos presentes na aula. «Violencia é que toques o meu corpo se non che dou permiso, que me digas un pretendido piropo cando vou polo corredor para a miña aula e non teño por que aguantar os teus comentarios... Cousas ás que non se lles dá moita importancia pero que crean situacións na aula que non deberían darse», sinala Mayán.

A visibilización dos conflitos na aula non os solucionou. «É de agradecer a implicación do alumnado de Neofem. O primeiro que tivo que facer foi enfrontarse ás reticencias dunha parte dos seus compañeiros, non moi numerosa pero si ruidosa, que entenderon que simplemente o feito de denunciar situacións nas que existían faltas de repecto, agresións, discriminacións, ir máis aló e denunciar casos de violencia machista significaba un ataque directo. É algo moi común na sociedade, polo que non é estraño que suceda tamén na aula».

Outro dos obxectivos era que «o alumnado tivera como referentes a compañeiros que levantan a cabeza e digan "isto así non vai ben" e non aos que agreden. Crear referentes éticos e morais dentro da aula é un dos éxitos máis importantes deste proxecto. Non temos unha variña máxica».

IES Torrente Ballester e Frei Martín Sarmiento

O segundo premio recau no proxecto 'Táboa periódica de mulleres. Menudas elementas!' do IES Torrente Ballester, que pretende romper estereotipos sexistas.

O xurado también concedeu un accésit á iniciativa 'Elas pintan na arte', do IES Frei Martín Sarmiento, que trata de rescatar a mulleres creadoras invisibilizadas.

 

Comentarios